Kosovo solicita oficialmente o ingreso na Unión Europea

Cinco Estados membro, entre eles o Estado español, non recoñecen aínda a súa independencia.
Glauk Konjufca, Vjosa Osmani e Albin Kurti, principais líderes de Kosovo, asinaron esta cuarta feira a solicitude de adhesión á UE. (Foto: Europa Press)
photo_camera Glauk Konjufca, Vjosa Osmani e Albin Kurti, principais líderes de Kosovo, asinaron esta cuarta feira a solicitude de adhesión á UE. (Foto: Europa Press)

As autoridades kosovares asinaron na mañá desta cuarta feira o documento que formaliza a solicitude de adhesión á Unión Europea deste país, cuxa independencia —declarada unilateralmente en 2008— non recoñecen cinco dos 27 Estados membro que conforman o ente comunitario, entre eles o Estado español.

O texto foi asinado, en concreto, pola presidenta de Kosovo, Vjosa Osmani; o primeiro ministro, Albin Kurti, e o presidente do Parlamento, Glauk Konjufca, no que deron en cualificar como un día "histórico" para esta antiga provincia serbia.

"Estamos un paso máis perto de cumprir o soño daqueles que sacrificaron a súa vida pola liberdade, a independencia e a democracia", celebrou Osmani. Pola súa parte, o primeiro ministro Kurti fixo un chamamento á unidade interna para "superar os obstáculos" de cara a unha adhesión, lembrou a presidenta, que chegará "a longo prazo".

"Estamos xuntos hoxe para achegar o noso país un paso máis á Unión Europea, contribuíndo así a que a UE estea tamén un paso máis perto da implementación do proxecto de toda Europa, libre e en paz. Para Kosovo e os seus cidadáns, nunca houbo outra alternativa. Pero os soños só se fan realidade cando actúas e as ambicións só tornan tanxíbeis cando traballas", engadiu Vjosa Osmani.

O regulamento comunitario estabelece que, unha vez recibida esta solicitude no Consello da UE, o país que ostenta a presidencia rotativa —hoxe República Checa— debe informar o resto de Estados membro e o Parlamento europeo. Logo corresponde aos ministros e ministras de Exteriores avaliar a proposta e decidir se solicitan, ou non, o ditame de Bruxelas.

E neste paso está xa Bosnia e Herzegovina, que esta mesma terza feira coñeceu a resolución favorábel dos departamentos de Exteriores dos Vinte e sete, que supón a adquisición do status oficial de "país candidato" a entrar na UE.

Canda Bosnia fican aínda como candidatos oficiais, á espera do 'si' definitivo a acceder ao ente comunitario, Albania, Macedonia do Norte, Moldova, Montenegro, Serbia, Turquía e Ucraína. Pola súa parte, Xeorxia atópase nos trámites iniciais.

Comentarios