Tensión nos Balcáns

A OTAN, "preparada" para intervir en Kosovo e tomar "as medidas que sexan precisas"

Unha polémica medida anunciada polo Goberno de Kosovo en relación aos documentos de identidade da poboación serbia na rexión agrava a crise con Belgrado.
Un garda armado nun paso fronteirizo entre Kosovo e Serbia. (Foto: X02 / Zuma Press)
photo_camera Un garda armado nun paso fronteirizo entre Kosovo e Serbia. (Foto: X02 / Zuma Press)

A tensión medra nos Balcáns nas últimas horas, logo de avanzaren as autoridades de Kosovo a súa intención de aplicar, a partir deste 1 de agosto, unha polémica medida que xa fora anunciada o pasado ano en resposta a outra moi semellante aplicada por Serbia á poboación kosovar que visite o país: a substitución dos documentos de identidade serbios por outros emitidos por Pristina, e o mesmo acontecería coas matrículas dos vehículos.

O presidente de Serbia, Aleksandar Vučić, dirixiuse á cidadanía este domingo e afirmou que o Exército kosovar está a preparar "un ataque" contra a poboación serbia que vive nas localidades do norte.

"Nós buscaremos a paz por todas as vías, mais xa podo aseguralo de inmediato: non haberá rendición e vencerá Serbia. Se intentan comezar a perseguir os serbios, intimidalos ou matalos, Serbia gañará", advertiu.

Aliás, habitantes serbios do norte de Kosovo cortou o paso en dous postos fronteirizos que comunican o territorio con Serbia, a modo de protesta pola nova normativa.

Pristina recúa, mais só até setembro

O primeiro ministro kosovar, Albin Kurti, anunciou finalmente na madrugada desta segunda feira que o seu Executivo posporá a entrada en vigor destas medidas até o vindeiro 1 de setembro.

A OTAN, preparada

Mais o ambiente continúa caldeado na rexión e non se descarta ningún escenario a estas alturas. Así, a Forza da OTAN para Kosovo (KFOR) avanzou a última hora do domingo que está "preparada para intervir" no caso de perigar a esyabilidade no norte de Kosovo.

A KFOR é a forza armada da OTAN en Kosovo. (Foto: Lynn Greyling)
A KFOR é a forza armada da OTAN en Kosovo. (Foto: Lynn Greyling)

"A KFOR tomará as medidas necesarias para manter unha contorna segura en Kosovo en todo momento, de acordo coas resolucións da ONU", apuntou a organización militar nun comunicado, alertando tamén de que tomará "as medidas que sexan precisas" ante unha "situación crítica para a paz e a seguridade" nos Balcáns.

Comentarios