Medra a tensión entre Kosovo e Serbia pola 'crise das matrículas'

Movementos de tropas serbias na fronteira, mentres que a KFOR anunciou que intensificará a actividade patrulleira. 
EuropaPress_3665824_handout_26_april_2021_belgium_brussels_president_of_the_european_commission
photo_camera O presidente serbio, Aleksandar Vucic, coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, en abril en Bruxelas. (Foto: Etienne Ansotte / CE)

A misión da OTAN en Kosovo (KFOR) informou esta segunda feira dun incremento nas súas actividades patrulleiras en todo o territorio, incluíndo o norte, que está a ser escenario de tensións entre Kosovo e Serbia pola política de matrículas dos coches.

A última crise entre Belgrado e Pristina vén das friccións polos controis policiais kosovares, en cumprimento da norma de retirar as matrículas serbias dos vehículos que ingresan ao enclave e instalar unhas placas temporais kosovares. A medida aplícase en reciprocidade por outra acción similar serbia.

A disputa foi aumentando a tensión nas últimas semanas, mesmo con bloqueos de estradas e ataques aos postos de control kosovares.

A KFOR é a misión máis lonxeva da OTAN e conta tamén coa apoio da UE. Permanece no territorio kosovar, que Serbia considera unha provincia propia, desde a intervención militar da Alianza Atlántica a finais da década de 1990. O seu obxectivo é garantir a seguridade das comunidades que habitan a zona, a maioría albano-kosovar e a minoría serbo-kosovar.

Exército en alerta

A decisión da KFOR chega un día despois de que o presidente serbio, Aleksandar Vucic, advertise o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, de que interviría en Kosovo se a poboación serbo-kosovar se ve ameazada.

O Exército serbio aumentou o seu nivel de alerta e, segundo informaron os medios locais, varios avións e helicópteros militares sobrevoaron a zona próxima á fronteira.

Vucic exixiu a retirada dos corpos especiais da Policía kosovar da fronteira para sentar a negociar, mentres que desde Pristina defenden o despregue despois de que un edificio público ardese e o lanzamento de granadas ─sen estourar─ contra outro.

Comentarios