Junts e PSOE confían en pactar a amnistía mentres a ultradereita axita as rúas

Santiago Abascal reclama a Policía española non cumprir "ordes ilegais".
Protestas a noite da segunda feira diante da sede do PSOE en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Protestas a noite da segunda feira diante da sede do PSOE en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

Fontes da negociación que manteñen o PSOE e Junts para que a formación catalá apoie a reelección no Congreso de Pedro Sánchez (PSOE) como presidente estatal a cambio de, entre outros, unha lei de amnistía para as persoas independentistas catalás represaliadas polo Estado, transmitiron esta terza feira a medios estatais que o único límite para o acordo é o 27 de novembro. Nesa data ficarían convocados automaticamente novos comicios estatais se ningunha candidatura á Presidencia acada o apoio da Cámara Baixa.

A exposición de motivos da lei de amnistía centra o debate

Os intercambios de documentación entre os servizos xurídicos das partes continuaron durante a madrugada, e as diverxencias seguen a reducirse a “cuestións técnicas”, con especial énfase na exposición de motivos da norma para garantir que non poida ser vetada polo sistema xudicial.

Nese sentido, e como parte da campaña no Poder Xudicial para impedir a lei de amnistía, na imputación por terrorismo ao ex presidente catalán, Carles Puigdemont (Junts), e á secretaria xeral de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), Marta Rovira, da Audiencia Nacional, ábrese a porta a consultar o Tribunal de Xustiza da Unión Europea para que resolva se é lícito que a amnistía se aplique nestes casos.

Protestas na sede do PSOE en Madrid

Ademais, a Policía española admitiu que persoas de extrema dereita participaron na noite anterior na terceira protesta en tres días contra a sede do PSOE en Madrid pola lei de amnistía, nas que estivo o líder da ultraespañolista Vox, Santigo Abascal, e na que se produciron varios altercados.

Entrementres o Partido Popular (PP) xustificou as protestas, Abascal aseverou que denunciará o Goberno polas cargas dos axentes, aos que demandou non cumprir “ordes ilegais”.

Comentarios