Juan Carlos I chegará esta quinta feira a Sanxenxo, reunirase con Felipe VI e volverá a Abu Dhabi o día 23

Segundo informou Zarzuela, será unha viaxe 'exprés' até a segunda feira, cando volverá ao país do Golfo.
O rei emérito, Juan Carlos I, e a infanta Elena, nunha viaxe anterior á Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, e a infanta Elena, nunha viaxe anterior á Galiza. (Foto: Europa Press)

O rei emérito chegará esta quinta feira ao Estado español, na súa primeira viaxe desde que se instalou en agosto de 2020 nos Emiratos Árabes Unidos, e na segunda feira verase co rei Felipe VI en Madrid, segundo vén de informar Zarzuela.

Juan Carlos I pediu esta cuarta feira ao seu fillo que "faga pública a súa decisión de desprazarse a España a partir de mañá día 19 até a vindeira segunda feira día 23 de maio". O que fora monarca durante case catro décadas permanecerá entre a quinta feira e o domingo en Sanxenxo.

A súa intención, segundo precisou Casa Real, é estar co rei, a raíña Sofía e demais membros da familia no Pazo da Zarzuela na segunda feira antes de regresar ese mesmo día a Abu Dhabi, "onde fixou a súa residencia de forma permanente e estábel".

Desde Zarzuela recalcan que a visita de Juan Carlos I se enmarca no seu desexo de "desprazarse con frecuencia a España para visitar familia e amigos", así como de "organizar a súa vida persoal e o seu lugar de residencia en ámbitos de carácter privado", como trasladou ao seu herdeiro nunha carta o pasado 5 de marzo.

O seu regreso prodúcese após a conversa mantida o 15 de maio con Felipe VI, con motivo do desprazamento do monarca a Abu Dhabi para trasladar as condolencias pola morte do presidente de Emiratos Árabes Unidos.

Primeiro encontro con Felipe VI

Segundo informou entón Zarzuela, pai e fillo acordaron verse en Madrid cando o emérito viaxase ao Estado español, no que será o seu primeiro encontro desde a marcha do antigo monarca ao país do Golfo.

"Tanto nas miñas visitas coma se no futuro volvese residir en España, é o meu propósito organizar a miña vida persoal e o meu lugar de residencia en ámbitos de carácter privado para continuar gozando da maior privacidade posíbel", indicara o emérito na súa misiva.

Comentarios