Juan Carlos I chegará esta sexta feira a Sanxenxo para presenciar a regata InterRías

Pontón censura que PP e PSOE teñan "unha alianza que impide que se poida investigar a corrupción da Casa Real" e "branqueen" o emérito, que se aloxará na casa do presidente do Club Náutico e amigo persoal, Pedro Campos, e podería chegar acompañado da infanta Elena. Non se descarta que saia navegar no 'Bribón'.
De esquerda a dereita, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o rei emérito, Juan Carlos I, e o presidente do Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos. (Foto María Muíña / Sailingshots.es / Europa Press)
photo_camera De esquerda a dereita, o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o rei emérito, Juan Carlos I, e o presidente do Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos. (Foto María Muíña / Sailingshots.es / Europa Press)

O rei emérito, Juan Carlos I, chegará a Sanxenxo entre a noite desta quinta feira e a mañá da sexta "para non perderse" a regata InterRías, que decorrerá no municipio até o domingo e principiará ás 15 horas da sexta.

Así o vén de confirmar en declaracións a TVE Pedro Campos, amigo íntimo do emérito, empresario e presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, que tamén informou de que se aloxará na súa casa.

"Como nos últimos anos", precisou Campos, que engadiu que o rei está con el "moi a gusto". Con el está previsto que viaxe a infanta Elena, que xa o pasado ano foi a Sanxenxo a presenciar o evento.

Campos asegurou que o barco de Juan Carlos I, o Bribón, está "listo" por se "se anima" a navegar, malia que leva "case tres anos" sen facelo. "Vén con intención de reincorporarse á vela, mais é unha decisión que tomará el", dixo.

Pontón lamenta que PSOE e PP "impidan" investigar a monarquía

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou esta cuarta feira o anuncio da inminente chegada á Galiza do rei emérito e sinalou que o PP e o PSOE "teñen unha alianza que impide que se poida investigar a corrupción da Casa Real", a pesar "dos escándalos que temos escoitado nos últimos tempos".

Así, cuestionou que estas dúas formacións "branqueen" a monarquía con accións como "os recentes malabarismos da Fiscalía e o seu trato de favor ante uns feitos moi graves", en alusión ao arquivo da causa das comisións de 80 millóns de euros polo AVE á Meca.

"A monarquía é unha institución obsoleta que non ten cabida nunha democracia avanzada onde todas e todos os cidadáns debemos ser iguais con independencia da nosa familia, e a monarquía é un privilexio incompatíbel", destacou Pontón.

Por outra parte, a líder da oposición no Parlamento da Galiza lamentou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmase que a visita do emérito ten un "impacto positivo" para o país polo "beneficio que supón desde o punto de vista do turismo e de pórnos no mapa".

Ana Pontón replicou que é "politicamente inaceptábel" que Rueda diga que a visita do "rei fuxido" pode ser "un prestixio" para a Galiza. "Os galegos e galegas que non teñen 'contas B' en Suíza son quen colocan a Galiza no mapa", concluíu.

O PSdeG di que a chegada de Juan Carlos xera "unha sensación amarga"

Tamén o PSdeG puxo o foco esta cuarta feira nas palabras do presidente galego. O secretario de Organización, José Manuel Lage, lamentou o "descoñecemento importante da historia" por parte de Rueda "dunha Galiza que leva no mapa centos de anos".

Aliás, engadiu: "Aos españois non é unha situación que nos encha de orgullo e satisfacción, mais ben o que nos xera é unha sensación amarga".

Comentarios