Juan Carlos I di que seguirá vivindo nos Emiratos Árabes pero viaxará ao Estado español "con frecuencia"

O rei emérito envía unha carta ao seu fillo e actual xefe de Estado, Felipe VI, na que manifesta a súa vontade de "seguir residindo de forma permanente e estábel" en Abu Dhabi, onde o trataron con "grande hospitalidade", mais afirma que voltará a España de forma periódica porque a "leva" no seu "corazón". 
O rei emérito, Juan Carlos I, fotografado o pasado outubro (Foto: Legan P. Mace / ZUMA PRESS).
photo_camera O rei emérito, Juan Carlos I, fotografado o pasado outubro (Foto: Legan P. Mace / ZUMA PRESS).

A Casa Real fixo pública na tarde desta segunda feira unha carta do rei emérito, Juan Carlos I, dirixida ao actual xefe de Estado, Felipe VI, na que expresa a súa vontade de viaxar de forma periódica ao Estado español após coñecer o arquivo das causas que tiña pendentes por parte da Fiscalía.

Na misiva indica que en agosto de 2020, "guiado polo convencemento de prestar o mellor servizo a España e a todos os españois, ás súas institucións e a ti [por Felipe VI] como Rei", comunicou a súa decisión de trasladarse fóra do Estado para "facilitarlle" o exercicio das súas funcións.

"Desde entón, residín en Abu Dhabi, lugar ao que adaptei a miña forma de vida e ao cal agradezo enormemente a súa magnífica hospitalidade. Coñecidos os Decretos da Fiscalía Xeral do Estado, polos que se arquivan as investigacións das que fun obxecto, paréceme oportuno considerar o meu regreso a España, aínda que non de forma inmediata", prosegue.

Polo de agora, seguirá a residir "de forma permanente e estábel" en Abu Dhabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos (EAU), por razóns que pertencen ao seu ámbito privado e que só o afectan a el, afirma no escrito. "Alí atopei tranquilidade, especialmente para este período da miña vida", sostén.

Porén, aclara que voltará ao Estado español "con frecuencia" para visitar os seus familiares e amigos, xa que, di, leva España no seu corazón. "Gustaríame así culminar esta etapa da miña vida desde a serenidade e a perspectiva que ofrece o tempo transcorrido. Como ben sabes, en 2019 comuniqueiche a miña vontade de retirarme da vida pública, e así o seguirei facendo", asegura.

Neste senso, avanza que, tanto nas súas visitas como se nun futuro volvese residir no Estado, é o seu propósito organizar a súa vida persoal e o seu lugar de residencia "en ámbitos de carácter privado para continuar gozando da maior privacidade posíbel".

"Son consciente da transcendencia para a opinión pública dos acontecementos pasados da miña vida privada e que lamento sinceramente, como tamén sinto un lexítimo orgullo pola miña contribución á convivencia democrática e ás liberdades en España, froito do esforzo e sacrificio colectivo de todos os españois", continúa a misiva.

A Casa Real afirma que Felipe VI "respecta e comprende a vontade de don Juan Carlos I expresada na súa carta", mais non ofrece máis detalles ao respecto.

Comentarios