Avogado e Catedrático de Dereito Procesal

Jaume Alonso-Cuevillas: "Hai maxistrados que caeron na pota da hispanidade de pequenos"

Jaume Alonso-Cuevillas, avogado nos xuízos do 'procés' e os atentados yihadistas de Barcelona, pasou por Compostela para falar de novas falsas e o papel da xustiza, o Goberno español e os medios de comunicación. Desde a Galiza analiza a detención do ex presidente da Generalitat, Carles Puigdemont.
Jaume Alonso-Cuevillas na entrada do Parlamento galego (Riobó Prada).
photo_camera Jaume Alonso-Cuevillas na entrada do Parlamento galego (Foto: Riobó Prada).

—Cal foi a razón do rápido desenlace da detención de Puigdemont en Sardeña?
O Tribunal Supremo (TS) tentou facer unha trampa. Desde o punto de vista internacional sabemos que España, desde fóra, fala con unha única voz, neste caso a da avogada do Estado español diante do Tribunal Xeral da Unión Europea (UE) e dixo que as euroordes estaban suspensas.

Ese foi o motivo polo que o tribunal de Sàsser recoñeceu que era eurodeputado e que non había euro ordes vixentes como xa esperabamos.

—Como se chegou a reter a Puigdemont? 
Teremos que saber como foi a intervención do Estado español. Sabemos que en Alguer había máis de vinte policías e non foi unha casualidade, foi unha operación preparada contra un eurodeputado e ex president da Generalitat. Costa de crer que os Gobernos de España e Italia non o soubesen. 

—Como considera que queda a imaxe do Estado español con isto?
Tocada. Demostrouse que non respecta as normas máis elementais do estado de dereito. Os maxistrados do TS tentaron, de novo, enganar a UE.

O propio Llarena enviou un oficio ao xulgado de Sàsser dicindo que non tiña en suspenso as euroordes. Déixao nunha situación comprometida. É un éxito político e xurídico e pon en relevo o valor do exilio coa súa estratexia. Sigo a pensar que solución ao conflito virá de Europa. Perderon toda credibilidade en Europa.  

—Coa súa extensa experiencia en casos nos que interveñen os grandes poderes políticos como se enfrontou ás novas falsas?
Din que, no caso dos conflitos bélicos, que non é o noso caso afortunadamente, a primeira vítima é a verdade. No conflito político que agora mesmo padecemos en Catalunya tamén acontece. Encárganme a defensa de todo o Goberno catalán despois de que se aprobasen as leis de desconexión do referendo, hai catro anos, e daquela enfróntame á primeira querela que pon a fiscalía catalá "por desobediencia e malversación".

Despois de 34 anos como avogado, catedrático de dereito procesal e decano do Colexio de Avogados de Barcelona decátome que todo aquilo que estudei e ensinei non vale para nada. A razón é que a interpretación que se estaba realizando das normas xurídicas non tiña por obxecto empregar o dereito no seu sentido primixenio que é solucionar conflitos.

Aquí o dereito era unha escusa para reprimir a disidencia, retorcendo toda interpretación xurídica razoábel. A verdade non importa. Impórtalles construír un relato que lles permita chegar a castigar a disidencia. Este razoamento fíxome reflexionar e escribín un libro para deixar claro que o que vivíamos non era aplicación do dereito, era un xuízo político. Aplican a lei penal do inimigo que comporta sacrificar a verdade, como vimos no xuízo do Tribunal Supremo con aqueles atestados onde se inventaban aquel famoso concello de Sant Esteve de les Roures, que non existe, e aqueles policías que declaraban que as avoas eran agresivas e eles tiñan que defenderse coas súas porras.   

—O 1 de outubro de 2017  en Catalunya foi o momento álxido das "fake news" sobre 
o "procés"?

Hai tres anécdotas que o ilustran. Unha foi cando a BBC entrevistou o ministro de Exteriores, Alfonso Dastis, e ao pasarlle imaxes do que aconteceu ese día aseguraba que non eran de aquí. Outra foi a que vivimos na sala 2ª do Tribunal Supremo ao non ver os maxistrados as imaxes daquela xornada porque non foron emitidas polas televisións españolas.

Coa nosa insistencia víronas e a súa cara foi de sorpresa absoluta. Por último, lembro na exhibición en Bilbo do documental de Jaume Roures sobre o referendo. Fixen o experimento de ver a reacción da xente e as caras eran de absoluta sorpresa. Fóra de Catalunya o relato que se instaurou é moi diferente da realidade.

—Cre que hai un fío directo entre Goberno español, xustiza e medios de comunicación nestes temas?
O problema do poder xudicial no Estado español non é de independencia. Xa son independentes. É un problema de falta de neutralidade. Non creo que faga falta que a Soraya Sáez de Santamaría chamase a Llarena ou a Marchena posto que os dous xa caeran nao pote da hispanidade de pequenos.

Como vicepresidente do Consello Xeral da Avogacía española convivín moito con decanos, que se supón que é a elite da profesión, e despois de moitos anos algún comentaba que "para ser catalán non era mal rapaz". España identificouse coa nación castelá e todo o resto son anomalías. Non é un estado plurinacional desde o punto de vista das elites. Coinciden na idea da unidade de España. O día que medre o independentismo na Galiza, algo que pasará cando nós marchemos e teña lugar un efecto dominó, pasaralle igual. A prensa dominante non é neutral como en Europa.

—Após todo o que aconteceu estes últimos anos, como cre que conseguirá Catalunya a independencia?
Malia toda a represión e de que agora os partidos van á súa e provocan desencanto e enfado por parte da xente, o número de independentistas medra cada día. Sobre todo cando ven como actúa o Goberno español. É un movemento imparábel. Non será doado. España non é Canadá. A nosa vía é que haxa terceiros países que obriguen o Estado español a solucionar este conflito. Terá que existir un detonante que non sabemos agora cal será. 

Casos mediáticos que involucraban 

Avogado en exercicio desde 1984 e Catedrático de Dereito Procesal na Universitat de Barcelona (UB), Jaume Alonso-Cuevillas participou en dous dos casos máis mediáticos dos últimos anos nos que se enfrontou ao Estado español: a defensa de Carles Puigdemont e o atentado yihadista realizado nas Rambles de Barcelona. Neste último tentou que se investigara a relación do autor intelectual dos atentados co Centro Nacional de Intelixencia (CNI). 

Comentarios