mércores 14/04/21

A inmersión lingüística para o ensino das linguas minorizadas, a votación en Francia

A Asemblea Nacional francesa vota hoxe a 'Proposición de lei relativa á protección do patrimonio das linguas rexionais e a súa promoción', despois de ser aprobada polo Senado en decembro pasado. O financiamento económico e a inmersión lingüística na educación son os temas máis controvertidos –e esenciais– da norma.
linguicidio_francia
Acto de protesta organizado por diversos colectivos para denunciar o "lingüicidio" do Estado francés (Pour que Vivent Nos Langues)

A xacobina Francia podería contar cunha norma de protección e fomento das linguas minorizadas. Farao se hoxe a Asemblea Nacional ─a Cámara baixa─ ratifica o proxecto de lei que recibiu o visto bo do Senado ─a Cámara alta─ en decembro. O relator da "Proposición de lei relativa á protección do patrimonio das linguas rexionais e a súa promoción" é o deputado bretón do grupo Libertés et territoires (LT) Paul Molac. Mais detrás están todos os colectivos a prol do bretón, do galó, do vasco, do alsaciano, do occitano ou do corso, agrupados baixo o paraugas de Pour que Vivent Nos Langues ("Para que vivan as nosas linguas"). Ninguén dubida que sairá adiante. O caso é como.

A lei recollerá aspectos tan básicos como a legalización dos signos diacríticos dos idiomas diferentes ao francés. O 12 de maio de 2017 nacía na cidade bretoa de Kemper Fañch Bernard. Fañch ─con 'ñ' ou til diacrítico sobre o 'n'─ e o hipocorístico de Francisco en bretón. É dicir, o Paco ou Fuco galegos. 

O rexistro civil negouse a inscribilo con ese nome, alegando que ese símbolo non figura no francés. Meses despois, porén, a xustiza deu a razón aos proxenitores.

Mais esa fatigosa pelexa xudicial, que podería disuadir as familias de elixir determinados nomes, non será necesaria se os membros da Asemblea votan a favor da norma presentada inicialmente o 30 de decembro de 2019 por Molac. A Cámara baixa, antes de pasar ao Senado, xa a adoptou en primeira lectura o 13 de febreiro de 2020. E agora regresa para certificar o 'Si' definitivo. O portal de información do Goberno francés sobre os proxectos de lei, Vie Publique, explica paso por paso o proceso seguido até hoxe.

"Tesouro nacional"

"Na actualidade hai unha vintena de idiomas rexionais na Francia continental e máis de 50 no estranxeiro. Porén, a súa práctica está diminuíndo", sinala a proposición de lei, que involucra as administracións estatal e locais a protexelas a través do seu "ensino, difusión e promoción". 

Este "patrimonio lingüístico" pasaría a ter consideración de "tesouro nacional", que implica un réxime de protección especial para, por exemplo, gravacións ou manuscritos antigos. Tamén autoriza a que sexan usadas na comunicación institucional ou en sinais de tráfico.

Mais os aspectos máis controvertidos son aqueles con maior calado, percorrido e afectación: a súa introdución na educación formal e o diñeiro para custeala. 

Tres puntos referentes a estas dúas cuestións foron reintroducidos durante a súa tramitación no Senado logo de seren eliminados pola Asemblea na primeira lectura (o terceiro foi de novo retirado a semana pasada nunha comisión parlamentaria). 

"Inconstitucional"

No aspecto educativo, a cuestión máis polémica é a posibilidade de introducir un modelo de inmersión na educación, é dicir, que a lingua a protexer e promover sexa usada para materias como as Matemáticas ou a Educación Física. 

Na actualidade, isto non é posíbel no ensino público. O Goberno galo introduciu unha emenda argumentando que é "inconstitucional". E tamén houbo oposición desde a esquerda estatal, con outra proposta de supresión deste punto por parte do grupo La France insoumise (LFI).

O Senado tamén recuperou o punto que xeneraliza o ensino de linguas minorizadas como materia optativa dentro do horario lectivo, desde Infantil até a Secundaria. Un modelo que leva décadas funcionando en Córsega. 

E o terceiro punto é o que obriga os municipios que non contan con escolas bilingües a contribuíren ás taxas de matrícula das escolas concertadas que si a ofrecen (como as escolas Diwan na Bretaña). A lei actual, de 2019, fala de "contribución voluntaria", o que "foi utilizado a miúdo polos municipios para non pagar nada", segundo explicaron representantes da comunidade educativa ao xornal bretón Ouest-France.

Emendas

Esta última cuestión, unha das principais demandas da asociación Pour que Vivent Nos Langues, foi reintroducida no Senado e anulada o 31 de marzo pola Comisión parlamentaria de Educación a petición da deputada Géraldine Bannier, do Mouvement Démocrate (MoDem, liberal). 

Nas súa emenda argumentou que podería "desestabilizar os municipios que só teñen unha escola pública ou privada, con pouco persoal, cando unha escola privada nunha cidade veciña con máis persoal podería ofrecer o ensino de idiomas rexionais", segundo recolle a Asemblea Nacional na súa web.

Outra emenda conxunta presentada por Benoit Potterie e Christophe Euzet (da República en Marcha, centro-liberal, partido de Goberno) e Pierre-Yves Bournazel (UDI e independentes, democristián), discorda co modelo de inmersión lingüística para o ensino das linguas minorizadas. Estes tres deputados sosteñen, citando o artigo 2 da Constitución, que "o francés é o idioma da República", polo que consideran que "non se pode impor aos alumnos o uso dun idioma distinto do francés".

Ademais, sinalan que "o dominio do francés é un requisito esencial para o éxito de todos e para a plena realización do proxecto republicano de emancipación e igualdade de oportunidades que persegue a educación nacional". 

O debate dará comezo ás 9 horas e a votación de todo o texto está prevista para as 13 horas.

comentarios