Fañch, o nome bretón dunha crianza de 3 meses que se lle atravesa ao Estado francés

Fañch – Paco, Fuco - naceu o pasado 11 de maio en Kemper. O 5 de xullo un tribunal citou os seus pais para informarlles que ese nome, Fañch, non podía ser aceptado.

Fañch bretaña bretón Imaxe de France3

Fañch é un diminutivo do nome propio bretón Frañsez (Francisco). É pois, o equivalente aos fucos, farrucos ou pacos galegos. Fañch é o nome que unha nai e un pai escolleron para poñer á crianza que tiveron o pasado 11 de maio en Kemper, unha cidade de 65.000 habitantes que é a capital do departamento de Penn-ar-Bed. O rexistro de Kemper refusou admitir este nome para a crianza alegando que a letra ‘ñ’ non figura na lingua francesa.

A decisión xerou unha importante polémica. Reprochouse ao rexistro facer unha interpretación discutíbel da norma e argumentouse que diferentes leis e decretos, tanto en Francia como a nivel internacional, amparaban o dereito dos pais a escoller libremente o nome do fillo co único límite de que este non sexa ofensivo para a crianza, o que non acontece con Fañch. O rexistro acabou recuando e admitindo o nome bretón, e os pais procederon a inscribilo e a facerlle a célula de identidade e pasaporte ao pequeno Fañch.

Mais a comezos do mes de xullo os pais do bebé foron citados polo TGI, tribunal, de Kemper onde a Fiscalía defendeu que o nome de Fañch non podía ser aceptado e que tiñan que retirar o ‘ñ’ do mesmo, segundo recollen en diferentes medios bretóns, franceses e en portais como Nacións. Os pais negáronse por entender que iso supón de facto que se lles prohíbe chamar o seu fillo cun nome bretón. O Fiscal mesmo citou Robespierre e artigos da Revolución francesa para defender os seus argumentos, contrarios a admitir Fañch. A polémica volveu brotar e as miradas pousan agora no calendario, pois o vindeiro 13 de setembro será notificada aos pais a decisión definitiva.

Desde os movementos e activistas na defensa da lingua bretoa (Ar Brezhoneg) ponse este caso na longa listaxe de dificultades, problemas e afrontas que sofre un idioma que poden falar entre 180.000 e 250.000 persoas.

Comentarios