A humanidade, en "guerra suicida" contra o Planeta

O Planeta ten febre alta e arde. Os efectos da crise climática pódense constatar xa a diario: incendios, inundacións. Pandemias. O dano da humanidade ao ambiente –por mar, terra e aire– afecta flora e fauna, e tamén a propia humanidade. O secretario xeral da ONU volveuno alertar onte por enésima vez.
india_plastic_pollution_web
photo_camera "A biodiversidade estase a desmoronar. En 30 anos haberá máis plástico que peixes no océano", alertou o secretario xeral da ONU (Foto: Nacións Unidas)

"O noso Planeta está roto", resumiu o secretario xeral da ONU, António Guterres. Fíxoo hoxe nun discurso ofrecido na Universidade de Columbia, en Nova York, cidade que alberga tamén a sede das Nacións Unidas. "A humanidade está a levar a cabo unha guerra contra a natureza. Isto é suicida. A natureza sempre devolve os golpes e estao a facer con forza e furia acumuladas", relatou.

A intervención de Guterres busca marcar as metas "urxentes" de cara ao vindeiro ano co fin de enfrontar o cambio climático e as súas devastadoras consecuencias para o ambiente e para a humanidade.

O obxectivo primordial da ONU para 2021 é estabelecer unha auténtica coalición que traballe para conseguir unha pegada de carbono cero. Isto é, a neutralidade de carbono, eliminar as emisión de CO2 á atmosfera ou que estas sexan inferiores á capacidade que o Planeta ten de absorber ese e outros gases de efecto invernadoiro.

"Cada país, cidade, institución financeira e empresa debería adoptar plans de transición a cero emisións netas para 2050, e actuar con decisión agora para nos encarreirar no bo camiño, o que significa reducir as emisións globais en 45% para 2030 a respecto dos niveis de 2010", resumiu António Guterres.

A "nova normalidade"

Outras propostas inclúen: eliminar paulatinamente os subsidios aos combustíbeis fósiles, transferir a carga fiscal dos ingresos ao carbono e dos contribuíntes ás entidades contaminantes e estabelecer a neutralidade do carbono como un factor máis na toma de decisións políticas e económicas.

"A ciencia teno claro, a menos que o mundo reduza a produción de combustíbeis fósiles en 6% cada ano desde hoxe até 2030, a situación tornarase peor. Moito peor", remarcou o secretario xeral das Nacións Unidas no seu discurso titulado O Estado do Planeta. Así, advertiu que de non actuarmos "encamiñámonos cara a unha suba catastrófica de entre 3ºC e 5ºC neste século".

"A biodiversidade estase a desmoronar, os desertos avanzan e os océanos afogan con residuos de plástico. En 30 anos haberá máis plástico que peixes no océano", salientou, e engadiu: "Os lumes, as inundacións, os ciclóns e os furacáns apocalípticos son a nova normalidade".

Novo ano de récords

Porque tal e como recolle a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) no seu informe provisional do Estado do Clima 2020, presentado onte, a marcha implacábel do cambio climático non se detivo en 2020, un ano que "vai camiño de ser un dos tres máis cálidos". Ademais, os seis últimos, incluído 2020, foron "os máis cálidos" dos que hai constancia. 

A Terra é a día de hoxe 1,1°C máis quente ao comezo da Revolución Industrial. Os efectos son evidentes. Se a temperatura subise outro grao centígrado máis, os efectos serían catastróficos.

"2020 foi, lamentabelmente, outro ano extraordinario para o noso clima. Vimos novas temperaturas extremas na terra, no mar e especialmente no Ártico. Os incendios forestais consumiron vastas áreas en Australia, Siberia, na costa oeste dos Estados Unidos e en Suramérica, enviando columnas de fume que circunnavegaron o mundo. Vimos un número récord de furacáns no Atlántico, incluídos varios consecutivos de categoría 4 sen precedentes en Centroamérica en novembro. As inundacións en partes de África e do sueste asiático provocaron un desprazamento masivo da poboación e socavaron a seguridade alimentaria de millóns", explicou o secretario xeral da OMM, Petteri Taalas.

O informe provisional sobre o Estado do Clima 2020 baséase en datos de temperatura recollidos entre os meses de xaneiro e de outubro. O definitivo será publicado en marzo de 2021.

Comentarios