Un océano de plástico no fondo do océano

Arredor de oito millóns de toneladas de plástico acaban no océano anualmente. A comunidade científica calcula que en 20 anos nos mares do mundo haberá menos peixes que plástico. Mais o que abrolla á superficie tan só representa 1% do total: o restante xa é unha partícula de sedimento máis.
gaivota
photo_camera Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Ambiente, arredor de oito toneladas de plástico acaban nos océanos anualmente (un.org)

Hai máis dunha década que a comunidade científica vén alertando do desafío ambiental que supón a contaminación con plástico dos océanos. Esta afecta a fauna e a flora mariñas, os hábitats e os ecosistemas. Mais non só: as nanopartículas de plástico acaban por chegar aos seres humanos a través da inxestión de pescado ou por outras vías. 

Non obstante, os métodos de rexistro e de seguimento de microplásticos aínda están en fase de desenvolvemento. Neste campo é que traballa a Axencia Internacional da Enerxía Atómica (IAEA, nas siglas en inglés), organismo dependente da ONU.

A IAEA fixo público un extenso estudo, publicado na revista científica Environmental Science & Technology, onde se analizan os efectos nos organismos vivos destes nano e microplásticos, así como doutros maiores como as bóliñas de resina. Conclúe que nun terzo de todos os casos analizados, esas partículas acababan por afectar as funcións biolóxicas dos peixes, como as neurolóxicas e as de comportamento. 

"Un seguimento preciso é crucial para comprender os efectos que estas partículas teñen nos organismos, así como para deseñar unha xestión ambiental efectiva e estratexias de atenuación", sinalou Marc Metian, investigador no Laboratorio de Radioecoloxía da IAEA e un dos coautores do estudo. 

As técnicas nucleares poden axudar na investigación grazas á súa precisión, con capacidade de chegar até niveis celulares. Ademais, informou a IAEA, tamén traballan en materiais con menor impacto ambiental, como a elaboración de plástico biodegradável con técnicas nucleares e isotópicas. 

Un sedimento máis

Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Ambiente, arredor de oito toneladas de plástico acaban nos océanos cada ano, en moitos casos a través dos ríos. De continuar a tendencia, a comunidade científica calcula que para 2050 superará a cantidade existente de peixes.

Series documentais como Blue Planet, con imaxes de golfiños xogando con bolsas de plástico, tiveron un efecto positivo entre a poboación, e as autoridades comezaron a tomar medidas para reducir ou eliminar o uso destas bolsas, o das pallas para sorber líquidos e o doutros elementos do mesmo material dun só uso.

Porén, o plástico máis visíbel que abrolla á superficie do mar representa menos de 1% . O 99% restante fica nas profundidades, mais até o de agora non estaba claro onde. Segundo acaba de confirmar un proxecto de investigación internacional, estase a converter nun novo tipo de partícula de sedimento, que se distribúe a través do fondo mariño xunto coa area, o lodo e os nutrientes.

A investigación, publicada na revista Science e realizada polas universidades inglesas de Durham e de Manchester, o Centro Nacional de Oceanografía británico, a Universidade alemá de Bremen e o Instituto francés de investigación para a explotación do mar (Ifremer), mostra como as correntes das augas profundas actúan como cintas transportadoras, levando pequenos fragmentos de plástico e fibras a través do fondo mariño.

E revelou os niveis máis altos de microplásticos xamais rexistrados, con 1,9 millóns de pezas contabilizadas nunha fina capa de só un metro cadrado de superficie.

Dobre ameaza tóxica

As pequenas partículas de plástico son especialmente perigosas xa que son facilmente inxeridas e absorbidas polo aparato dixestivo e, desta maneira, poden acabar penetrando en órganos e tecidos dos organismos a través dos fluídos corporais. A partir de aí, entran na cadea trófica ─a cadea alimenticia─ que ten o ser humano como último elo. Ademais, moitas destas nano ou micropartículas, minúsculas e case invisíbeis a ollo humano, están contaminadas á súa vez por produtos químicos que as fan dobremente tóxicas.

As que non chegan aos 5 milímetros de lonxitude son denominadas microplásticos. As máis pequenas, cun tamaño igual ou menor a 100 nanómetros (1/10.000 mm), chámanse nanoplásticos, tan diminutos que son imposíbeis de ver sen o uso de instrumentos ópticos especiais.

Comentarios