As guerras e a fame deixan 114 millóns de persoas desprazadas pola forza no mundo

As crianzas suman 41% das persoas que tiveron que fuxir no planeta.
Campo de desprazados en Turquía após o terremoto que tamén afectou Siria. (Foto: Boris Roessler / DPA)
photo_camera Campo de desprazados en Turquía após o terremoto que tamén afectou Siria. (Foto: Boris Roessler / DPA)

A violencia dos conflitos bélicos ou a carencia de produtos de primeira necesidade en zonas que sofren fenómenos climáticos extremos, asociados co quecemento global, levou a que máis de 114 millóns de persoas tiveran que fuxir dos seus fogares, revelou un informe difundido hoxe pola Axencia da Organización das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur).

Estes datos, recompilados con anterioridade á agresión israelí contra Palestina, que engadiría máis dun millón de persoas a esta cifra, supoñen un novo récord neste ámbito, confirmou a entidade á axencia AFP.

O Alto Comisionado para as persoas refuxiadas, Filippo Grandi, indicou que “moitos conflitos están a proliferar ou empeorar, devastando vidas inocentes e expulsando a xente”, o que atribuíu á “incapacidade da comunidade internacional para resolver os conflitos”, o que xera “novos desprazamentos e miseria”.

Desde finais de 2022, máis de cinco millóns de persoas convertéronse en desprazadas forzosas segundo os datos de Acnur, nunha listaxe que, para a Organización Internacional para as Migracións, encabeza o Sudán con 7 millóns de desprazadas internas, como se denomina ás que non chegan a saír da fronteira do seu Estado.

Máis da metade das persoas desprazadas non chegan a cruzar a outro país, sendo consideradas neste caso refuxiadas. 35 millóns en todo o mundo están nesta situación, 76% en países de renda media ou baixa e 70% nos Estados veciños.

Isto afecta especialmente as crianzas, pois, malia que representan 30% da poboación mundial, as nenas e nenos alcanzan 41% da poboación desprazada pola forza no planeta.

Amais do Sudán, inmerso nunha guerra civil, as principais causas de desprazamento forzoso no primeiro semestre de 2023 foron os conflitos en Ucraína, Myanmar e a República Democrática do Congo, canda a crise humanitaria en Afganistán e a situación límite de Somalia, que ademais da seca, padeceu fortes inundacións no medio da violencia no país.

Todo isto provocou que nese período foran presentadas até 1,6 millóns de solicitudes de asilo, unha nova marca, en paralelo ao endurecemento das normas migratorias por parte dos Estados Unidos ou a Unión Europea.

Nese sentido, o Goberno alemán vén de anunciar unha lexislación para acelerar a expulsión de migrantes sen regularizar, en moitos casos persoas desprazadas pola forza. “Precisamos deportacións a grande escala”, chegou a afirmar o chanceler Olaf Scholz.

Comentarios