A Xustiza rexeita o último recurso de Griñán, que deberá ingresar en prisión en dez días

O ex presidente da Xunta de Andalucía foi xulgado polo 'caso ERE', nunha sentenza ratificada no verán polo Supremo.
O ex presidente da Xunta de Andalucía José Antonio Griñán, á saída do xuízo polo caso ERE. (Foto: María José López / Europa Press)
photo_camera O ex presidente da Xunta de Andalucía José Antonio Griñán, á saída do xuízo polo caso ERE. (Foto: María José López / Europa Press)

A sección primeira da Audiencia Provincial de Sevilla vén de ditar un auto no que desestima os recursos de súplica presentados por oito dos condenados a prisión polo caso ERE, entre eles o expresidente andaluz José Antonio Griñán, ao que dá dez días de prazo para o seu ingreso en prisión.

O auto desestima os recursos dos ex altos cargos da Xunta de Andalucía contra a resolución na que o tribunal denegou suspender as penas privativas de liberdade mentres se tramita o indulto, requirindo aos mesmos, Griñán incluído, a que no prazo de dez días naturais ingresen voluntariamente nun centro penal.

O prazo empezará a contar a partir desta sexta feira, cando se produce a notificación efectiva aos procuradores, polo que a data límite finaliza o 1 de xaneiro.

Nunha resolución datada esta quinta feira, contra o que non cabe recurso algún, o tribunal desestima o recurso presentado pola defensa do ex viceconselleiro de Emprego Agustín Barberá pero suspende o seu ingreso en prisión até que se tramite a suspensión da execución da pena solicitada pola súa defensa en base ao artigo 80.4 do Código penal, que dispón que os xuíces e tribunais poderán outorgar a suspensión de calquera pena imposta sen suxeición a requisito algún no caso de que o penado estea afectado dunha enfermidade moi grave con padecimientos incurábeis, ao estar pendente de informe polo médico forense.

Neste sentido, o avogado deste investigado realizou no seu recurso alegacións respecto ao fondo da resolución recorrida e expuxo razóns humanitarias pola enfermidade que padece.

Comentarios