Xustiza

O Supremo ratifica a condena a Chaves e Griñán polo 'caso ERE'

Os ex presidentes da Xunta de Andalucía foron condenados a dez anos de inhabilitación e, no caso de Griñán, tamén a unha pena de seis anos de prisión.
Manuel Chaves e José Antonio Griñán, durante o xuízo. (Foto: Pool / Europa Press)
photo_camera Manuel Chaves e José Antonio Griñán, durante o xuízo. (Foto: Pool / Europa Press)

O Tribunal Supremo (TS) vén de ratificar a condena aos ex presidentes da Xunta de Andalucía Manuel Chaves e José Antonio Griñán polo 'caso ERE'.

A Audiencia Provincial de Sevilla condenou Griñán por un delito continuado de prevaricación a dez anos de inhabilitación para emprego ou cargo público e en concurso medial cun delito continuado de malversación, a seis anos de prisión e inhabilitación absoluta por un período de 20 anos.

No caso de Chaves, a súa condena foi a dez anos de inhabilitación para emprego ou cargo público por un delito continuado de prevaricación.

"Cada un deles colaborou para a consecución do fin conxunto"

Para o Ministerio Público, quedou probado que "se quixo modificar o sistema de concesión das axudas para evitar calquera tipo de control", propiciando un sistema "prevaricador" onde "cada un deles colaborou para a consecución do fin conxunto".

O Supremo, con todo, estimou totalmente tres recursos de casación acordando absolver do delito continuado de prevaricación administrativa os ex secretarios xerais técnicos da Consellaría de Emprego Javier Augado, Juan Francisco Sánchez e Lourdes Medina. Os dous primeiros foron condenados a nove anos de inhabilitación especial, mentres que ela recibiu a mesma pena na contía de oito anos, seis meses e un día.

Voto particular

O alto tribunal anunciou a confirmación das condenas esta terza feira, aínda que o fallo emitido polos maxistrados Juan Ramón Berdugo —presidente—, Ana Ferrer García, Susana Polo, Carmen Lamela e Eduardo de Porres —relator— coñecerase nos próximos días.

Ferrer e Polo anunciaron un voto discrepante onde expoñen que deberían ser estimados parcialmente os recursos presentados por Griñán, Miguel Ángel Serrano, Jesús María Rodríguez, Francisco Vallejo e Carmen Martínez, no senso de seren absoltos polo delito continuado de malversación de fondos públicos.

Comentarios