Os golpistas nomean líder en Níxer mentres o país recupera a calma

Os militares suspenden a Constitución e disolven as institucións da Sétima República nixerina, en paralelo, Francia insiste en que aínda non é definitiva a vitoria dos sublevados, no que constituiría o quinto golpe de Estado con éxito en Níxer desde a independencia de Francia.
Protesta a quinta feira en Niamey a favor dos militares. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta a quinta feira en Niamey a favor dos militares. (Foto: Nós Diario)

O xeneral Abdourahmane Tchiani, que encabeza a Garda Presidencial de Níxer, autoproclamouse a sexta feira como líder do país nunha mensaxe pública, defendendo que se desempeñará como presidente do Consello Nacional para a Salvagarda da Patria (CNSP).

A Garda Presidencial, xunto soldados do Exército, estivo detrás do golpe de Estado contra o presidente Mohamed Bazoum a cuarta feira. Bazoum e a súa familia foron retidos na residencia oficial do mandatario na capital, Niamey.

Tchiani xustificou a sublevación en evitar a “desaparición gradual e inevitábel” de Níxer, facendo énfase en que “o enfoque de seguridade actual non trouxo seguridade ao país a pesar dos grandes sacrificios”. Amais, criticou Bazoum por negarse a colaborar con Burkina Faso e Malí, que comparten unha fronteira con Níxer cunha importante presenza de Al Qaeda e do Estado Islámico.

O deposto mandatario era o principal aliado dos Estados Unidos e Francia na rexión, mentres que os militares que gobernan Malí e Burkina Faso tras cadanseu golpe de Estado instaron Francia a retirar as súas tropas de ambos os dous países.

En paralelo, o CNSP asumiu os poderes lexislativos e executivos e suspendeu a Constitución, disolvendo as institucións do país, e advertiu de que calquera intervención militar estranxeira derivaría en violencia.

Após as protestas a favor e en contra do golpe de Estado a quinta feira, “as rúas de Niamey estaban tranquilas a sexta feira, cun lixeiro aire de celebración”, recolle AP, despois de que pola mañá transcenderan as negociacións no seo do Exército sobre quen asumiría o liderado do Estado, unha vez que o mando das Forzas Armadas decidiu apoiar a quinta feira os golpistas.

Malia que Tchiani solicitou aos “amigos de Níxer que comprendan a situación específica” e ofrezan “todo o apoio preciso para que poida enfrontar os desafíos”, Washington e Bruxelas ratificaron que de triunfar o golpe de Estado suspenderán toda a colaboración.

Francia dúbida do éxito do golpe de Estado

Pola súa parte, a ministra de Exteriores de Francia, Catherine Colonna, reiterou que “se me escoitan falar dun intento de golpe de Estado é posto que non consideramos que as cousas sexan definitivas”. París mantén 1.500 militares no país, chave para a súa seguridade enerxética polas exportacións de uranio. Ao tempo, o presidente Emmanuel Macron condenou o golpe e exixiu a liberación de Bazoum.

Comentarios