O militares golpistas en Malí prometen organizar eleccións "nun prazo razoábel"

O país do Sahel está inmerso nunha crise política e nunha vaga de violencia relixiosa e intercomunitaria.
EuropaPress_3227727_presidente_mali_ibrahim_boubacar_keita
photo_camera O presidente dimisionario de Malí, Ibrahim Boubacar Keita (Xinhua / Europa Press)

O grupo de militares golpistas que forzaron a dimisión do presidente de Malí, Ibrahim Boubacar Keita, anunciou onte a creación dun Comité Nacional de Salvación do Pobo, co obxectivo de levar o país á organización de eleccións "nun prazo razoábel" e restaurar a estabilidade.

O anuncio foi transmitido polo portavoz do grupo de militares rebeldes, Ismael  Wague, na cadea estatal de televisión  ORTM1, que horas antes difundiu o discurso de dimisión de Keita. O presidente disolveu o Parlamento e o Goberno pouco tempo despois de ser detido xunto ao primeiro ministro, Boubou Cissé. "As nosas Forzas Armadas conclúen que isto debe finalizar coa súa intervención. Sométome a elas porque non quero que se derrame sangue para manterme no poder", afirmou na mensaxe.

Os sucesos prodúcense nun momento en que o país do  Sahel atópase sumido nunha grave crise política que vén sumarse á grave inseguridade ocasionada polas accións dos grupos  xihadistas, coas filiais de Al Qaeda e Estado Islámico á cabeza, mais tamén á crecente violencia de carácter intercomunitario

"Nós, o Comité Nacional para a Salvación do Pobo, decidimos asumir a nosa responsabilidade ante o pobo e ante a historia de garantir a continuidade do Estado e dos servizos públicos", anunciou Wague. O portavoz dos golpistas adiantou que se "convidará a sociedade civil e os movementos sociais e políticos" para que se unan a eles co obxectivo de "crear mellores condicións políticas dunha transición política civil que conduza a unhas eleccións xerais críbeis".

Neste punto, recalcou que non buscan o poder senón "a estabilidade do país que nos permitirá organizar, nun prazo razoábel, eleccións xerais que permitan a Malí dotarse de institucións fortes capaces de xestionar mellor o noso día a día e restaurar a confianza entre Goberno e gobernados".

Separatistas  tuareg

Ademais, "a partir do 19 de agosto todas as fronteiras aéreas e terrestres estarán pechadas até novo aviso", dixo, unha medida xa adoptada horas antes pola Comunidade Económica de Estados de África Occidental (Cedeao), que suspendeu a Malí tras coñecer o golpe de estado. 

Wague tamén instou os grupos separatistas tuareg asinantes do acordo de Alxer que puxo fin á rebelión iniciada tras o golpe de estado de 2012 a se uniren a eles para cumprir co pactado. "Nada debe obstaculizar a unidade da nación maliana", sostivo Wague, asegurando que a xunta golpista está suxeita ao acordo. 

Comentarios