Golpe de Estado en Níxer: o Exército derroca o presidente e fecha as fronteiras

"Somos as autoridades lexítimas e legais e expresámonos desde esta posición. Neste país hai leis, Constitución e unha tradición democrática. O pobo votou e designou cos seus votos os seus dirixentes", advertiu o ministro de Exteriores do Goberno derrocado, Hassoumi Massoudou.
Comunicado dos militares golpistas pola televisión nacional de Níxer. (Foto: RTN)
photo_camera Comunicado dos militares golpistas pola televisión nacional de Níxer. (Foto: RTN)

Triunfou, cando menos polo de agora, o golpe de Estado en Níxer. Un grupo de militares apareceu a última hora desta cuarta feira na televisión nacional para anunciar a destitución do presidente, Mohamed Bazoum, e o fechamento das fronteiras do país, horas despois de que a Garda Presidencial retivese o mandatario anunciando o alzamento militar e procurando tomar o poder.

O Comité Nacional para a Protección da Patria (CNSP, polas siglas en francés), movemento no que se agrupan os golpistas, indicou que "as forzas de defensa e seguridade" decidiron "acabar co réxime" actual pola "continua deterioración da situación de seguridade" no país. O máximo representantes dos golpistas ratificou á comunidade nacional e internacional o "respecto á integridade física" das autoridades depostas, tal e como declarou no comunicado televisado.

Ademais, os militares sinalaron que quedan suspendidas todas as institucións, que as fronteiras terrestres e aéreas quedan fechadas até novo aviso e que se ordenou en todo o país un toque de recoller entre as 22 e as 5 horas que entrou en vigor esta cuarta feira, segundo o portal de noticias ActuNiger.

Na mañá desta quinta feira o propio Goberno, xa deposto, asumiu o golpe de Estado. "Subscribimos a declaración das forzas de defensa e seguridade, en aras de preservar a integridade física do presidente e a súa familia e para evitar unha confrontación mortal entre as diferentes forzas [do Exército] que podería provocar un baño de sangue", dixo o xefe do Estado Maior das Forzas Armadas, Abdou Sidikou Issa.

Pola súa parte, o derrocado presidente Bazoum asegurou que os nixerinos "amantes da democracia" traballarán para "salvagardar os logros obtidos" no país ao longo dos últimos anos. E o seu ministro de Exteriores, Hassoumi Massoudou, pediu "diálogo" aos militares e subliñou que Mohamed Bazoum segue a ser "o líder legal e lexítimo" de Níxer.

"Somos as autoridades lexítimas e legais e expresámonos desde esta posición. Neste país hai leis, Constitución e unha tradición democrática. O pobo votou e designou cos seus votos os seus dirixentes", insistiu, ao tempo que advertiu que o país "xamais aceptará os feitos consumados dos golpes de forza".

Manifestantes a favor da democracia após o golpe de Estado. (Foto: Europa Press)
Manifestantes a favor da democracia após o golpe de Estado. (Foto: Europa Press)

Diferentes países e organizacións internacionais emitiron xa senllas condenas polo "atentado" contra a democracia en Níxer e exixiron a liberación "sen condicións" do mandatario. Foi o caso dos Estados Unidos, a CEDEAO, a Unión Africana, a Unión Europea e a ONU.

Comentarios