O Estado español xa supera en número de contaxios notificados a China

A China rexistra 81.470 casos de contaxio por coronavirus (3.715 menos que o Estado español), segundo os últimos datos publicados nesta segunda feira, 30 de marzo.   
Traballadora sanitaria en Shangai, a China (Imaxe: Polaris / Contacto)
photo_camera Traballadora sanitaria en Shangai, a China (Imaxe: Polaris / Contacto)

O Estado español supera a China en número de contaxios rexistrados por coronavirus. Os últimos datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade sitúan en 85.185 os casos positivos notificados desde o inicio da crise da COVID-19 no Estado español.

Son xa 85.195 as persoas positivas que se computaron e os falecementos chegan a 7.340. Máis de 5.000 pacientes con COVID-19 están en unidades de coidados intensivos. Desde o 25 de marzo obsérvase un cambio de tendencia no incremento medio dos casos confirmados, de 20% a 12 %, dixo a portavoz do Ministerio de Sanidade, María José Sierra, esta segunda feira, 30 de marzo.

A China, onde se rexistrou o virus por vez primeira conta, segundo os últimos datos, con 81.470 casos (3.715 menos que o Estado español), 3.304 falecementos e 75.700 persoas recuperadas. Actualmente, aínda hai 2.396 casos activos, 633 deles graves.

A China rexistrou este domingo 31 novos contaxios en 24 horas, dos cales tan só un é resultado da transmisión local. O resto de casos detectados déronse en persoas chegadas á China desde outros países.

Comentarios