O Congreso prorroga o estado de alarma no Estado español até o 11 de abril

Soberanistas piden illar os maiores focos de contaxio e parar toda actividade non esencial.
Congreso español
photo_camera (Pool/Europa Press)

Ao igual que na semana pasada, cando o presidente do Executivo Pedro Sánchez compareceu no Congreso para dar conta das medidas tomadas polo Goberno no inicio da emerxencia sanitaria, a sesión de onte voltou contar cunha representación mínima dos grupos políticos e unicamente co persoal necesario para cubrir as funcións esenciais. O atril foi desinfectado de maneira sistemática, nada máis rematar cada persoa de falar. 

As e os deputados que non asistiron para evitar desprazamentos a Madrid e manter así a corentena puideron votar de maneira telemática. Porén, non se habilitou ningún mecanismo para que portavocías dos grupos puidesen intervir a distancia. Quen maior crítica realizou sobre este aspecto foi o grupo parlamentario de Ciudadanos, cuxa voceira, Inés Arrimadas, non acudiu ao pleno por ser persoa de risco ao estar embarazada. 

A formación laranxa reprochou á presidenta da Cámara Baixa, Meritxell Batet, que non atendese a solicitude de Cs e mantivese a convocatoria presencial do pleno "poñendo en perigo deputados e traballadores da Cámara". 

Na sesión de onte debatéronse os tres decretos-leis que xa foran aprobados polo Executivo progresivamente desde o pasado 10 de marzo e que inclúen medidas urxentes para facer fronte no ámbito económico, social e sanitario á COVID-10, entre eles o plan de medidas excepcionais que permite mobilizar 18.225 millóns de euros durante este ano.

En canto á ampliación do estado de alarma, o Goberno contou co apoio das forzas que o compoñen: PSOE e Unidas Podemos. Tamén PP, Ciudadanos, Vox ou o PNV,

O BNG pide parar toda actividade non esencial

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Néstor Rego,  presentou propostas de modificación do estado de alarma para garantir que se paralizase toda actividade produtiva que non for esencial para combater a COVID-19. “Isto é un obxectivo básico para romper a cadea de contaxio que se produce fundamentalmente en centros de traballos masificados e sen as medidas de protección adecuadas”, denunciou Rego. 

O Bloque tamén pediu pechar os principais focos de contaxio e blindar zonas menos afectadas como a Galiza, cortando todas as comunicacións terrestres, marítimas e aéreas que non sexan imprescindíbeis. “Desa maneira estaremos evitando a expansión do contaxio por todo o territorio do Estado español” afirmou o deputado nacionalista. Trátase isto dunha "recomendación de toda a comunidade científica e da OMS, que infelizmente non se quixo aplicar no Estado e que haberá que aplicar se queremos mudar a tendencia”, dixo Rego. 

"Non serve de nada retirar as competencias a quen ten máis coñecemento do territorio e das súas características", dixo Rego sobre a recentralización que supuxo o estado de alarma e lamentou que o Goberno optase por axilizar os ERTE en vez de manter o emprego.

En canto ao debate que tamén se deu onte no Congreso para validar a derrogación do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores que permitía o despido por acumular baixas médicas, o deputado do BNG sinalou a urxencia non só de eliminar ese artigo senón toda a reforma laboral. 
 

Bildu e ERC tamén piden un confinamento maior

Esquerra Republicana xa anunciara que se abstería de o decreto do Goberno español non incluír o confinamento total de Catalunya. Suspender a actividade empresarial, industrial e de servizos de calquera tipo "que non teñan por obxectivo a realización de actividades esenciais" foi a proposta defendida por ERC, así como limitar os desprazamentos ao lugar de traballo tan só para  aquelas actividades declaradas imprescindíbeis. Nesa mesma liña situouse EH Bildu. "Non ten sentido que miles de persoas teñan que ir traballar cada día poñendo en risco a saúde persoal e colectiva", sinalaron desde a coalición abertzale.

Quen non acudiu ao Congreso foi o grupo de Junts, tamén moi crítico co Executivo español e ao que continúan a exixir o peche de Madrid e de Catalunya, así como decretar un confinamento total. 

 

Comentarios