martes 31.03.2020

A crise do coronavirus pon UE fronte a si propia

A crise do coronavirus pon UE fronte a si propia

As promesas comúns de solidariedade e unidade fronte á pandemia bateron coa realidade na cimeira extraordinaria desta quinta feira de xefes de goberno dos 27 estados da UE, onde a división existente na Unión Europea volveu ficar clara. Italia, Portugal, España e mesmo Francia querían compromisos rápidos e concretos, instrumentos inaceiros solidarios, como os 'coronabonos' (títulos de débeda europea). Mais Alemaña e Holanda, entre outros, non están polo labor.

A situación provocou que o primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, se plantase e negouse a asinar as conclusións do cumio pola súa “timidez” en achegar ferramentas financeiras e económicas para loitar contra a crise do coronavirus. Axiña contou co apoio de España e Portugal. O primeiro ministro portugués, António Costa, mesmo cualificou de “repugnante” a declaración do ministro de Facenda holandés por sinalar o Estado español culpándoo de non ter capacidade orzamentaria para combater a COVD-19.

O líder italiano chamou a non repetir os erros que se deron na crise de 2009 mentres o primeiro ministro holandés, tallante, sentenciaba: “Coronabonos, xamais!”. Alemania e Holanda partillan discurso: cada estado que se financie como poida nos mercados financeiros aproveitando as baixas taxas en termos históricos.

O Eurogrupo ten agora dúas semanas para facer novas propostas, pois vai ser el quen defina os futuros instrumentos financeiros de apoio.


 

comentarios