Catalunya

A Generalitat aproba unha norma para blindar a escola en català

O Govern rexeita xudicializar o sistema de ensino.
Patrícia Plaja, voceira do Govern, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Patrícia Plaja, voceira do Govern, esta segunda feira. (Foto: Europa Press)

O Executivo catalá aprobou esta segunda feira un Decreto Lei en resposta á sentenza do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya (TSJC), que obrigou nun veredicto de xaneiro deste ano que 25% das aulas se impartisen en castelán, nunha resolución que outorgaba até hoxe para ser aplicada.

A normativa, que entrará en vigor neste curso, estabelece a imposibilidade de aplicar porcentaxes no uso das linguas no ensino, explicou a voceira do Govern, Patrícia Plaja, despois de que o texto recibira a luz verde do gabinete.

Plaja destacou que este decreto permite superar a “rúa sen saída” que supuxo a decisión xudicial e protexer o modelo de escola de Catalunya, ao fixar "cales son os criterios e os límites da escola catalá”. "Haberá que ver se esta  xudicialización non ten fin e isto vai a outras instancias", incidiu. No decreto atribúese á Consellaría de Educación “a responsabilidade sobre a legalidade” dos proxectos lingüísticos nos centros, que terá que validar.

Ao tempo, deixa claro que o catalán ten que ser "lingua propia, lingua normalmente utilizada, lingua  vehicular e de aprendizaxe, e lingua de uso normal na acollida do alumnado". Non obstante, recolle que o ensino ten que garantir que o alumnado alcance o dominio oral e escrito de catalán e castelán ao remate da educación obrigatoria.

Outro dos puntos que inclúe é a análise da contorna sociolingüística dos centros, da contorna xeral e dos obxectivos de normalización lingüística, o que permite “garantir a eficacia dos proxectos educativos e lingüísticos".

Malia que a intención do Goberno que lidera Pere Aragonès era que antes deste paso o Parlament aprobara a lei sobre o uso e aprendizaxe das linguas oficiais no ensino non universitario que pactaron os integrantes do Executivo (Esquerra Republicana de Catalunya e Junts) co Partit dels Socialistes de Catalunya e En Comú Podem; a apelación de Vox, Ciudadanos e Partido Popular ao Consello de Garantías Estatutarias, a institución xurídica consultiva máis importante da Administración catalá, adiou o proceso e obrigou o Executivo a aprobar o decreto antes do prazo fixado polo TSJC.

Con todo, Plaja amosouse confiada en que o Decreto Lei será validado no Parlament “sen problemas”, facendo fincapé en que están a traballar para conseguir eses votos e en que é unha boa normativa.

Sobre que apoios prevén no  lexislativo para validar o decreto, a portavoz do Executivo afirmou que xa están a traballar para lograr estes votos e defendeu que é un bo decreto, polo que cre que se poderá validar "sen problemas".

Comentarios