ERC, Junts, PSC e comúns pactan recoñecer por lei o castelán como lingua de uso na escola catalá

Nunha proposición de lei acordan tamén suprimir o apoio especial en catalán aos alumnos que se incorporen tarde.
Texto acordado polas catro forzas políticas (Foto: VilaWeb).
photo_camera Texto acordado polas catro forzas políticas (Foto: VilaWeb).

ERC, Junts, PSC e os comúns puxéronse de acordo para dar resposta á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC, en catalán) que impón un mínimo de 25% de castelán nas aulas. Os catro grupos parlamentarios presentaron unha proposición para modificar o artigo 21 da lei de política lingüística, que di que o catalán debe utilizarse normalmente como lingua vehicular no ensino. A modificación consiste en recoñecer que o castelán tamén pode utilizarse como lingua de ensino fóra da materia de lingua castelá e que debe ter unha presenza garantida, sen falar de porcentaxes. E que a maneira de facelo deberá determinala cada centro no seu proxecto lingüístico, que debe ter en conta a realidade sociolingüística da contorna.

Se o artigo 21.1 desta lei dicía isto: "O catalán debe utilizarse normalmente como lingua vehicular e de aprendizaxe no ensino non universitario", agora pasará a dicir isto: "O catalán, como lingua propia de Catalunya, é a lingua normalmente utilizada como lingua vehicular e de aprendizaxe do sistema educativo. Tamén se emprega o castelán nos termos que fixen os proxectos lingüísticos de cada centro, de acordo cos criterios que se establecen no apartado 3".

E este apartado terceiro, no novo texto acordado, di que á hora de determinar a presenza do catalán e do castelán nas aulas "hai que ter en conta a situación sociolingüística e a evolución do proceso de aprendizaxe lingüística, oral e escrito, de acordo cos instrumentos de control, avaliación e mellora das competencias lingüísticas". E di que isto deberá facerse tendo en conta tamén o peso de cada lingua "nos recursos de aprendizaxe, incluídos os de carácter dixital e os usos lingüísticos do alumnado na aula e no conxunto do centro educativo". É unha forma de dicir que hai que ter en conta que o castelán xa ten un peso moi grande nos recursos educativos de tipo dixital, na interacción dos alumnos entre eles e cos mestres ou ben á hora do patio.

Non se fala, pois, de porcentaxes, mais queda dito na lei que o castelán debe ter esa presenza. A pretensión é que o TSJC non teña argumentos para executar de forma forzosa a sentenza se, tal e como está previsto, varias entidades unionistas llo piden a partir de mañá. Porque agora o Goberno pode dicir que non houbo inacción á hora de garantir o coñecemento á vez do catalán e do castelán no ensino obrigatorio, e que o que fai é desenvolver a actual lei española de educación, a 'Lei Celaá', que non fala porcentaxes.

E aínda hai outra mudanza. O acordo suprime o punto oitavo do mesmo artigo 21, que di: "O alumnado que se incorpore de forma tardía ao sistema educativo de Catalunya debe recibir un apoio especial e adicional de ensino do catalán". Os grupos prevén tramitar a modificación de maneira urxente. Isto significa que se aprobará por lectura única e que se podería introducir na orde do día do pleno seguinte, que empezará o 5 de abril.

Esta proposición chega pouco antes da finalización do prazo de dous meses que tiña o Goberno da Generalitat para cumprir a sentenza do TSJC que impuña unha hora máis de castelán, cando menos, en todos os centros de Catalunya. O conseller de Educació, Josep González-Cambray, anunciou na terza feira que respondería á sentenza cun decreto para despregar a LAC e garantir a inmersión. Na práctica, este decreto, que aínda terá que esperar a un período de exposición pública antes de poder aprobarse, deberá despregar o que di esta proposición de lei que pactaron os catro partidos.

Fontes do PSC confían en que o Executivo tamén acorde o contido do decreto, tras un proceso de negociación que durou semanas e no que tamén estivo implicada a ex consellera de Ensenyament Irene Rigau. De feito, Rigau participou en xaneiro nunhas xornadas organizadas pola Fundación Rafael Campalans sobre a lingua na escola.

A CUP foi excluída do acordo sobre a preservación do modelo educativo actual que ERC, Junts, PSC e os comúns consideran que lograron coa modificación da lei de política lingüística. A CUP presentou na mañá desta quinta feira unha proposición de lei para modificar a LAC e introducir que o catalán debe ser a "única lingua vehicular e de aprendizaxe".

Comentarios