A Xustiza dá 15 días ao Govern catalán para impor 25% de castelán nas escolas

O Govern confirma que recorrerá a sentenza, que cualifica de "aberración".
Un centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press).
photo_camera O Govern recorre a sentenza. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) ordenou á Consellaría de Educación que execute nun máximo de 15 días a sentenza que obriga a impartir cando menos 25% de horas lectivas en castelán.

Nun auto emitido esta segunda feira, o TSJC require ao conseller de Educación, Josep Gonzàlez-Cambray, para que dite as instrucións e estabeleza garantías de control para que todo o alumnado do sistema educativo catalán reciba "de maneira efectiva e inmediata" 25% ou máis de horas de aulas en castelán.

Despois destes 15 días, a Consellaría deberá informar ao TSJC sobre as medidas adoptadas para aplicar a sentenza e en que grao se cumpriron, e de forma paralela o tribunal requiriu á Alta Inspección Educativa que verifique o cumprimento do fallo no sistema educativo catalán.

Este requirimento forza a execución da sentenza do propio TSJC, que en decembro de 2020 fallou que o sistema educativo en Catalunya debía contar con cando menos esta porcentaxe de horas en castelán, incluíndo polo menos a materia de lingua castelá e outra materia troncal.

Ante a petición da Asamblea por una Escuela Bilingüe (AEB) de executar a sentenza, a Generalitat dixo ao TSJC que xa tomara medidas para regular os usos lingüísticos na escola. En concreto, fixo referencia ás modificacións da Lei de política lingüística e a Lei do aranés, alén da tramitación dun proxecto de decreto de despregamento do réxime lingüístico do sistema educativo de Catalunya.

Con todo, o TSJC replica que a sentenza impón "unha obriga de resultado" e que as medidas da Generalitat non tiveron por agora un resultado concreto que se plasme na actividade das escolas.

O tribunal, con todo, coincide co Govern ao recoñecer que a Administración pode elixir os medios cos que aplicar a sentenza, e subliña que "o determinante na sentenza non é o medio senón o resultado".

O Govern recorre o fallo

Pola súa parte, o conseller Gonzàlez-Cambray avanzou que o Executivo catalán presentará un recurso de reposición ante o que considerou unha "aberración dos tribunais", alegando que a AEB non está lexitimada para instar á execución, e sostivo que o tribunal se extralimita nas súas funcións.

Comentarios