Dous activistas inician unha folga de fame en Vic na defensa do catalán como lingua vehicular no ensino

Jaume Sastre e Carles Furriols principiaron o pasado 20 de abril esta acción reivindicativa, que Furriols tivo que abandonar por cuestións de saúde. Con esta folga de fame manifestan o seu fondo desacordo coa sentenza do Tribunal Supremo que impón 25% de castelán nas aulas de Catalunya.
Quim Torra visita os activistas Carles Furriols e Jaume Sastre (segundo e primeiro pola esquerda), na pasada cuarta feira. (Foto: @QuimTorraiPla)
photo_camera Quim Torra visita os activistas Carles Furriols e Jaume Sastre (segundo e primeiro pola esquerda), na pasada cuarta feira. (Foto: @QuimTorraiPla)

Dous activistas iniciaron na pasada cuarta feira unha folga de fame na localidade catalá de Vic a fin de defender o uso da lingua propia de Catalunya como vehicular no sistema educativo.

"Cómpre tomar medidas. A sentenza foi a pinga que derramou o vaso", dixo un deles, Jaume Sastre, en declaracións recollidas por Nació Digital. Sastre facía alusión nas súas palabras á sentenza que o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC) declarou firme o pasado xaneiro e que obriga o Goberno de Pere Aragonès a impor 25% de castelán nas aulas, unha medida que promulgara o Tribunal Supremo.

Esta sentenza, precisou Sastre, "repercute aquí [en Catalunya] e tamén no País Valencià e en Balears". "Non podemos permitir que os xuíces españois determinen con que lingua debemos falar", engadiu Carles Furriols, outro dos activistas, subliñando que "o catalán é a columna vertebral da patria e é vital".

Sastre ironizou tamén sobre este fallo xudicial: "Como se atreven a impor 25% de castelán se eles só fan 7% de sentenzas en catalán en Catalunya?".

Ambos os activistas aloxábanse desde a pasada cuarta feira no local do Consell per la República de Vic, onde reciben visitas de moitas persoas que se suman a esta causa como o ex president da Generalitat, Quim Torra, que trasladou o seu apoio e pediu a "protección do catalán e a inmersión lingüística fronte aos ataques constantes do Estado español".

Carles Furriols abandonou a folga de fame na pasada sexta feira, segundo el mesmo indicou, por cuestións de saúde. Mais o seu compañeiro Jaume prosegue e nesta segunda feira suma xa seis xornadas consecutivas.

A respecto da posición das forzas políticas catalás en relación a esta sentenza xudicial, Sastre apuntou esta segunda feira no seu perfil de Twitter: "O que os partidos políticos —ERC, Junts, PSOE e Podemos— pretendían facer con nocturnidade e aleivosía, alén de ser un acto escandaloso de entrega aos fiscais e xuíces de Felipe VI, é unha barrabasada que non se pode aturar en ningures; nin sequera desde o punto de vista xurídico".

Comentarios