O G77+China reclama reformar a arquitectura financeira mundial

Cuba insta o Sur Global a "mudar as regras do xogo" após padecer as peores consecuencias da crise multidimensional actual.
O presidente da Arxentina, Alberto Fernández, e Cuba, Miguel Díaz-Canel, a sexta feira. (Foto: Esteban Collazo / Presidencia Arge / DPA)
photo_camera O presidente da Arxentina, Alberto Fernández, e Cuba, Miguel Díaz-Canel, a sexta feira. (Foto: Esteban Collazo / Presidencia Arge / DPA)

“O mundo está a fallar aos países en desenvolvemento”, fixo fincapé a sexta feira o secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, na primeira xornada da Cimeira do G77+China, que agrupa 134 Estados que suman case 80% da poboación mundial e dous terzos dos países membros da ONU.

O grupo, creado en 1964 como iniciativa para apoiar as inquedanzas do Sur Global, concentraba en primeira instancia membros do Movemento de Países Non Aliñados.

No cumio, que decorre até o sábado na Habana, Cuba, Guterres apuntou que “a pobreza vai en aumento, a fame é cada vez maior, os prezos están disparados, a débeda é exorbitante e os desastres climáticos son cada vez máis frecuentes”, instando a deseñar “institucións multilaterais eficientes” e a unha “acción global que respecte a propiedade nacional para crear un sistema internacional que promova os dereitos humanos e traballe cos intereses de vostedes”, o que require que o grupo “utilice a súa voz para loitar por un mundo que traballe para todos”.

Entre chamamentos a unha arquitectura internacional máis inclusiva cos países en desenvolvemento, destacou que o bloque “sacou centos de millóns de persoas da pobreza e xuntouse na ONU na busca de solucións globais e de solidariedade”.

Presidentes como o brasileiro Lula da Silva, o arxentino Alberto Fernández, o colombiano Gustavo Petro ou a hondureña Xiomara Castro participan na cimeira do grupo, que xa pactou unha declaración conxunta aprobada a nivel de embaixadores, confirmou o titular de Exteriores cubano, Bruno Rodríguez, nunha reunión centrada na ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

Nova orde financeira

O comunicado é “un texto progresista de alcance universal”, explicou, detallando que responde ás necesidades dos países en desenvolvemento no marco “dunha orde internacional cada vez máis excluínte, non equitativa, inxusta e espoliadora”, polo que reclamará “unha reforma profunda da arquitectura financeira internacional, a eliminación urxente de medidas coercitivas unilaterais” ou o “tratamento axeitado á crecente débeda externa dos países en desenvolvemento”.

O presidente cubano, Miguel Díaz-Canel, proclamou no discurso de apertura que “temos que intentar mudar as regras do xogo”, algo que ten que liderar o Sur Global, insistiu, após ser a vítima principal da crise multidimensional que se desenvolve a nivel mundial.

Comentarios