A cimeira da Celac marca unha nova era na integración latinoamericana

Bos Aires acolle unha xuntanza chave, na que se determinará o camiño das políticas comúns a nivel continental, entrementres, no Perú a Fiscalía liberou 192 detidos no asalto policial a unha universidade a fin de semana

O presidente do Brasil, Lula da Silva, xunta Alberto Fernández, mandatario arxentino, a segunda feira en Bos Aires. (Foto: Casa Rosada)
photo_camera O presidente do Brasil, Lula da Silva, xunta Alberto Fernández, mandatario arxentino, a segunda feira en Bos Aires. (Foto: Casa Rosada)

Os xefes de Estado do Brasil, Lula da Silva; Chile, Gabriel Boric; Cuba, Miguel Díaz-Canel; Colombia, Gustavo Petro, ou Honduras, Xiomara Castro, así como presidentes e ministros de Exterior dos 33 territorios que compoñen a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac), participan a terza feira na VII Cimeira de Xefas e Xefes de Estado do organismo en Bos Aires (Arxentina).

Malia que nun primeiro momento estaba previsto que Venezuela estivese representada polo presidente Nicolás Maduro, á última hora Caracas transmitiu que non acudiría ao descubrir un plan “da dereita neofascista” para agredir a delegación do país e “perturbar os efectos positivos de tan importante cita”.

A reunión será o escenario dun novo impulso á integración latinoamericana, e está marcada pola iniciativa anunciada previamente por Lula e o seu homólogo arxentino, Alberto Fernández, de “avanzar na discusión sobre unha moeda suramericana común”, á que convidarán o resto de países do subcontinente.

De facerse efectiva a proposta crearían “o bloque monetario máis grande do mundo” despois do euro, sostén o Financial Times. A proposta brasileira defende o nome de “sur” para a nova divisa.

Tanto Bos Aires como Brasilia exemplificaron a súa aspiración a acordos durante o cumio que fomenten a posta en marcha de estratexias comúns cunha reunión bilateral entre Lula e Fernández na que asinaron compromisos para colaborar nos ámbitos da soberanía enerxética, integración financeira, Defensa, saúde, ciencia, tecnoloxía e innovación, e cooperación na Antártida.

Asemade, na cimeira participarán comitivas dos Estados Unidos e da Unión Europea, mentres que o mandatario chinés, Xi Jinping, enviou unha mensaxe ao organismo.

Cimeira dos Pobos

Múltiples organizacións do campo progresista de distintos Estados de América agrupadas na Cimeira dos Pobos asinaron onte unha declaración conxunta e mobilizáronse na capital arxentina para reclamar que a Celac lidere a creación dunha “Nova Arquitectura Financeira Internacional, orientada ao desenvolvemento produtivo con inclusión social”.

Tamén piden que se aborde a “cuestión da estranxeirización da terra na rexión” e que se condene o golpe de Estado no Perú, o intento de sublevación no Brasil e as tentativas de asasinato contra a ex presidenta e vicepresidenta arxentina, Cristina Kirchner, e a vicepresidenta colombiana, Francia Márquez.

Presidencia

Amais das cuestións referentes ás propostas de integración, hai dous asuntos que se prevé ocupen parte importante da xuntanza, a elección do país que substituirá a Arxentina na Presidencia da Celac, e a situación no Perú tras mes e medio de protestas nas que morreron máis de 60 persoas, a meirande parte por disparos durante a represión policial e militar.

O principal candidato para encabezar no vindeiro período a institución é o primeiro ministro de San Vicente e as Granadinas, Ralph Gonsalves, que xa recibiu o apoio da Arxentina ou México. Aínda así, a decisión ten que ser unánime, polo que non se descarta que outro país asuma o posto ou incluso que se prorrogue o liderado da Arxentina uns meses.

O Perú

As protestas para exixir a liberación do ex presidente Pedro Castillo, a renuncia da mandataria Dina Boluarte -que non estará na cimeira da Celac-, eleccións xerais inmediatas e o comezo dun proceso constituínte proseguen con case 100 cortes de estrada e entre críticas polo asalto o sábado de 400 policías con tanques á Universidade Nacional Maior de San Marcos sen cumprir os procedementos legais.

As autoridades universitarias acabaron por recoñecer que só pediron axuda para liberar os accesos, entre denuncias pola detención irregular de 193 persoas. Neste contexto a Fiscalía peruana decretou na madrugada de onte a liberación de 192 detidos.

Ao tempo, avogados consultados por La República defenderon que Boluarte podería ser condenada a até 20 anos de prisión polos asasinatos froito da represión desde que chegou ao poder o 7 de decembro, no marco de distintas violacións dos dereitos humanos; unha información que chega tras transcender que o primeiro ministro, Alberto Otárola, convenceu Boluarte de non dimitir após as primeiras mortes, xustificándose en que sería xulgada pola represión se acababa por renunciar.

Comentarios