60 anos apostando polo multilateralismo

Malia a súa perda de relevancia e influencia na política internacional a partir da década de 1980, Movemento de Países Non Aliñados ─a alianza de países alternativa nacida no mundo polarizado da Guerra Fría─ continuou a súa actividade desde a súa primeira cimeira en 1961. A evolución da orde mundial pode facer que nos anos vindeiros recupere voz e voto. Esta semana desenvolveu a súa 60ª cimeira.
nam_foundation3
photo_camera O indio Nehru; o ghanés Nkrumah; o exipcio Nasser; o indonesio Sukarno; e o iugoslavo Tito, en Belgrado en 1961. (Foto: Nós Diario / CC)

O traballo multilateral a nivel global, a cooperación internacional e a solidariedade son vitais para afrontar os problemas que afectan en maior medida a sociedade moderna, xa sexa a pandemia da Covid-19 como as tensións políticas entre países. 

É a principal conclusión recollida no manifesto do Movemento de Países Non Aliñados (NAM, en inglés), reunido en Belgrado esta semana no 60º aniversario da organización con maior representación de Estados do mundo despois de Nacións Unidas.

Uns 500 delegados dos 120 países membros e dos 18 observadores ─ademais de 10 organizacións─ participaron na xuntanza organizada na capital serbia, baixo a actual presidencia de Acerbaixán, país que ingresou na NAM en 2011 e acolleu a última cimeira, en 2019. O seu ministro de Exteriores, Jeyhun Bayramov, foi o encargado de ler o manifesto. 

"A crecente tensión política", "a falta de respecto polo dereito internacional", "o aumento da discriminación que non cesa", "o racismo e a xenofobia", "a actual pandemia da Covid-19 e o seu impacto negativo nas condicións socioeconómicas de todos os países" e "o cambio climático" foron os principais temas abordados durante a cimeira.

Neste sentido, Bayramov, afirmou que "as delegacións participantes salientaron a importancia de mobilizar os esforzos globais no marco do multilateralismo, da cooperación internacional e da solidariedade", co obxectivo de afrontar estes asuntos de "preocupación global". 

Tamén houbo unha contundente e expresa crítica ao 'embiguismo' na inoculación contra a Covid por parte dos países máis ricos do mundo, e fíxose un chamamento a "retirar os obstáculos inxustificados á exportación de vacinas da Covid-19 e a previr a especulación e a acumulación".

Ao respecto, o secretario xeral da ONU, António Guterres, vinculou a ausencia dun mellor reparto cunha enorme cantidade de mortes evitábeis. O político portugués, nunha videomensaxe, salientou a vixencia e especial importancia da existencia do NAM nestes momentos de incerteza compartida a nivel mundial, con graves problemas como o cambio climático, a contaminación ou a perda de empregos. 

Retos que persisten

Neste sentido, o ministro de Exteriores de Indonesia, Retno Marsudi, manifestou que os retos que o mundo afrontaba cando o NAM foi fundado non só persisten hoxe, senón que mesmo se multiplicaron. Así, lembrou que un dos principios fundacionais era atinxir a igualdade entre todos os Estados e defendeu que "cómpre que todos cooperemos ante retos como a pandemia e o cambio climático".

Ademais, nesta 60ª cimeira fíxose unha condena á "coerción unilateral", unha idea fundacional do NAM. Resumíaa en 1979, na VI conferencia desenvolvida na Habana, o entón presidente cubano, Fidel Castro: "A quinta esencia da política de non aliñamento, de acordo cos seus principios orixinais e carácter fundamental, leva parella a loita contra o imperialismo, o colonialismo, o neocolonialismo, o apartheid, o racismo ─incluído o sionismo─, e calquera forma de agresión, ocupación, dominación, inxerencia ou hexemonía estranxeiras, así como a loita contra as políticas de gran potencia ou de bloques". 

Nacemento dun "terceiro bloque" anticolonial, á marxe dos EUA e da URSS

Belgrado volveu acoller a cimeira do NAM como hai 60 anos, cando aínda era capital de Iugoslavia. Daquela o mundo estaba inmerso na descolonización de África e Asia. O primeiro ministro indio, Jawaharlal Nehru; e os presidentes iugoslavo, Josip Broz Tito; exipcio, Gamal Abdel Nasser; ghanés, Kwame Nkrumah; e indonesio, Sukarno, puxaron por este "terceiro bloque" á marxe dos liderados polos EUA e a URSS. Porén, comezou a perder peso na década de 1970, cando algúns membros comezaron a tomar partido por un dos bloques enfrontados. A morte de Tito en 1980, e o colapso do bloque comunista e as guerras étnicas en Iugoslavia desde comezos da década de 1990 supuxeron a perda progresiva de influencia do NAM. Con todo, a actividade continuou durante todo este tempo, con reunións periódicas para tratar temas de impacto mundial. 

Comentarios