Esta é a foto do 1-O que o Parlamento europeo retirou dunha exposición

Ciudadanos exixiu apartar a imaxe da mostra

Fotografía de Dan Kitwood retirada dunha exposición no Parlamento europeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Fotografía de Dan Kitwood retirada dunha exposición no Parlamento europeo. (Foto: Nós Diario)

O Parlamento europeo retirou a pasada terza feira, 5 de setembro, unha fotografía do referendo de independencia decorrido o 1 de outubro de 2017 en Catalunya dunha exposición que sería inaugurada na tarde da mesma terza por Carles Puigdemont e Toni Comín.

Trátase dunha imaxe do fotoxornalista Dan Kitwood na que unha muller levanta sobre a cabeza unha das urnas empregadas durante a votación do 1-O en Barcelona.

Fontes do Parlamento europeo explicaron que a fotografía retirada non formaba parte do dossier inicial que se presentou. Segundo informaron, os servizos responsábeis de loxística da institución verificaron que esta fotografía non formaba parte da petición orixinal enviada ao xestor encargado de aprobar as exposicións ás instalacións, Christophe Hansen, e por iso decidiu de retirala.

Para poder facelo, recorreu á normativa relacionada coas exposicións que acollen as instalacións do Parlamento europeo: “Todos os actos culturais e exposicións organizados nos espazos do Parlamento, incluído calquera material que se exhiba ou distribúa, ou calquera actividade realizada nun acto cultural ou exposición, terán que ser autorizados previamente por escrito polo responsábel”.

Denuncia de Ciudadanos

A imaxe “enfureceu” a formación política Ciudadanos, que  pediu a retirada e levou o caso aos servizos da cámara. A delegación europea de Cs enviou unha queixa aos cinco eurodeputados que se encargan de supervisar os asuntos administrativos e financeiros que afectan directamente os eurodeputados para que impedisen a exposición desa fotografía en concreto.

O director da oficina europarlamentaria de Junts per Catatalunya, Aleix Sarri, denunciou a acción cunha publicación no seu perfil da rede social X (antes Twitter). “Este é o Parlamento europeo retirando unha imaxe do pobo catalán levantando unha urna no referendo do 1 de outubro despois dunha queixa dos eurodeputados españois ultranacionalistas. Un momento de infamia. “A democracia en acción” significaba eliminar imaxes das urnas?”, di.

A exposición

O obxectivo da mostra fotográfica é facer valer as contribucións de Catalunya á configuración da Europa. A mostra percorre catro momentos chave da historia do país catalán: a creación do Consolat de Mar, unha institución pioneira na lexislación marítima e mercantil; a creación do Sindicat Remença, o primeiro sindicato agrario de Europa; o Tribunal de Contrafaccions, un precedente dos tribunais constitucionais modernos; e a folga da Canadenca, que contribuíu a conseguir a xornada laboral de oito horas.

Comentarios