A folga de maquinistas paraliza o transporte ferroviario en Alemaña

O agro xermano continúa unha semana de protestas a nivel estatal.
Estación de trens en Berlín, Alemaña (Foto: Joerg Carstensen / DPA).
photo_camera Estación de trens en Berlín, Alemaña (Foto: Joerg Carstensen / DPA).

O Sindicato de Maquinistas (GDL) xermano está a realizar unha folga que paralizou esta cuarta feira gran parte do transporte ferroviario en Alemaña. A acción, que continuará até as 18 horas desta sexta feira, está a ter importante impacto no transporte, afectando millóns de persoas viaxeiras. 

Segundo trasladou a empresa ferroviaria estatal Deutsche Bahn (DB), ao redor de 80% dos trens de longa distancia foron cancelados esta cuarta feira, mentres que o transporte ferroviario metropolitano e o suburbano tamén sufriron restricións considerábeis. Ademais, os trens de carga tamén estiveron afectados, o que está a provocar restricións para a industria e as empresas.

Até o de agora o sindicato só tiña organizado folgas de 24 horas de duración, mais, segundo o seu líder, Claus Weselsky, tiveron "un efecto nulo nos consellos de administración dos ferrocarrís". Trátase do primeiro paro que realizan este ano, e con el solicitan un aumento salarial de 15% para os maquinistas, así como tamén mellores percepcións no caso das bolsas. Ademais, solicitan unha redución da semana laboral de 38 a 35 horas e unha compensación adicional de 3.000 euros, e de 1.500 euros no caso das bolsas.

Protesta do sector agrícola

Mentres tanto continúan as protestas do sector da agricultura alemá, que comezou a pasada segunda feira. A mobilización, de alcance estatal, ten como fin expresar o descontento pola intención do Goberno federal de eliminar as subvencións agrícolas no marco dos recortes para combater o déficit orzamentario. Así, miles de tractores e camións, algúns deles con pancartas de protesta, bloquean as principais estradas xermanas, provocando grandes atascos.

Comentarios