Alemaña paralizada pola folga de transportistas que exixen aumentos nos salarios

Sumáronse ás manifestacións máis de 30.000 traballadores duns 350 centros de todo o territorio alemán.

Aeroporto de Düsseldorf, Alemaña, sen xente por mor da folga de transportistas (Foto: Christoph Reichwein / Dpa).
photo_camera Aeroporto de Düsseldorf, Alemaña, sen xente por mor da folga de transportistas (Foto: Christoph Reichwein / Dpa).

Os sindicatos do transporte máis importantes en Alemaña, Ver.dei e ferrocarril EVG, organizaron esta segunda feira unha folga de 24 horas a nivel estatal, instando millares de empregados do sector a impulsar as súas exixencias, mentres seguen en curso negociacións sobre un aumento de salarios.

Desde a medianoite, o servizo de trens, autobuses e avións ficou paralizado. As traballadoras e traballadores avogan por aumentos salariais superiores a 10% para recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos.

Segundo EVG, xa se sumaron ás manifestacións máis de 30.000 traballadores duns 350 centros de todo o territorio, polo que, debido á falta de dispoñibilidade de transporte público para a poboación, espéranse grandes atascos.

O director de negociación colectiva da EVG, Kristian Loroch, afirmou que “estamos en folga porque na negociación colectiva, a pesar da tensa situación financeira de moitos traballadores, non se nos presentou nada sobre o que puidésemos negociar seriamente”.

Convenio colectivo

“Até o de agora, o Goberno federal xermano e as autoridades locais rexeitaron categoricamente un convenio colectivo socialmente equilibrado”, comentou o líder de Ver.dei, Frank Werneke. “Por iso agora tomamos a iniciativa. É mellor enviar un sinal forte agora que ter semanas de disputas laborais coas consecuencias correspondentes”, explicou.

Mentres que un portavoz dos ferrocarrís alemáns Deutsche Bahn (DB) declarou que “a megafolga de EVG está a paralizar o país” e lembrou que  “millóns de pasaxeiros que dependen de autobuses e trens están a sufrir as consecuencias desta folga excesiva e esaxerada”.

Pola súa parte, o líder de Verdi, Frank Werneke, defendeu a folga de advertencia no sector do transporte en Alemaña ao comezo doutra rolda de negociacións colectivas para o sector público.

Comentarios