mércores 25/11/20

O FMI insta a non subir as pensións nin os soldos

Por se a crise non for enxordecedora, onte resoaron con forza as alarmas do neoliberalismo e do centralismo en plena conta atrás para a negociación e votación final dos orzamentos do Estado. A dereita española e voces do PSOE presionan para evitar que haxa pactos con soberanistas e até o FMI irrompeu para marcar liña. 
Pedro Sánchez, coa presidenta de Nafarroa, María Chivite, enxalzou os orzamentos do Estado.
Pedro Sánchez, coa presidenta de Nafarroa, María Chivite, enxalzou os orzamentos do Estado.

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado do Goberno español superou esta semana a súa primeira proba obtendo o apoio da maioría do Congreso. Agora, sendo tempo de que os partidos presenten e negocien emendas parciais de cara á votación definitiva -será a finais de novembro- o Fondo Monetario Internacional (FMI) irrompe para marcar a senda.

De feito, esta sexta feira, 13 de novembro, presentouse o informe anual do FMI sobre a economía española e chega en plena tensión entre os partidos estatais e dentro do propio PSOE, ao teren que escoller entre dúas vías: negociar uns orzamentos escorados á esquerda con forzas como Bildu, ERC ou o BNG e marcar un camiño poscovid de protección social; ou apoiarse en Ciudadanos para afianzar a senda neoliberal, cuestión que prexudicaría o papel actual e futuro de Unidas Podemos, socio do Goberno, e cuxo líder e vicepresidente do Executivo, Pablo Iglesias, xa parabenizou o apoio de Bildu na primeira votación dos orzamentos.

E así é que esta sexta feira o FMI alertou contra a pretensión do Goberno de subir as pensións e os salarios das e dos empregados públicos. Di o organismo que se "deben evitar os compromisos de elevar permanentemente os coeficientes de gasto corrente, por exemplo a través da masa salarial e as pensións (públicas), dado o elevado déficit fiscal estrutural e as presións de gasto a longo prazo derivadas do envellecemento poboacional".

A xefa da misión do FMI para España, Andrea Schaechter, destacou na presentación do informe que "non sería beneficioso" modificar ou eliminar as reformas laborais que se realizaron no pasado, xa que existen probas de que axudaron a incrementar a "competitividade" de España e a creación de emprego tras a crise.

O FMI valora a mochila austríaca, esa especie de peto que a traballadora e traballador iría conformando para pagar a súa pensión en caso de despedimento ou xubilación.

O Fondo Monetario Internacional si aproba no seu informe a suba de impostos sobre quen saíu beneficiado da crise, mais pide ao Executivo que descarte o aumento do IVE e atrase a entrada do chamado "impostos verdes". 

A reforma educativa e o debate dos orzamentos van da man

Non sentou ben en Ciudadanos que Bildu votase 'si' aos orzamentos, xa que os mandou á irrelevancia e non permitiu que dese todos os froitos desexados aínda a estratexia da líder de Cs, Inés Arrimadas, xa posta en marcha na pandemia, de situar a forza laranxa como dialogante perante un PP fechado.

Arrimadas sitúase aberta a pactar co PSOE para que este non teña que negociar con nacionalistas, e así é que esta sexta feira Cs ofreceu ao Goberno o seu apoio a cambio de no proxecto de lei educativa eliminar a emenda pactada polo Executivo con ERC para protexer o plurilingüísmo no ensino e a inmersión lingüística, que sitúa o castelán e as linguas cooficiais como vehiculares nas aulas. Finalmente, o Goberno aprobou onte en comisión o proxecto de lei educativa, a chamada 'Lei Celaá' coa emenda de ERC incorporada, cos votos a prol de Esquerra e do PNV. 
 

comentarios