As forzas soberanistas son esenciais para a aprobación dos orzamentos do Estado

A proposta de Orzamentos Xerais do Estado ten sete emendas á totalidade que piden a súa devolución ao Executivo. Con todo, a previsión é que as contas pasen á segunda fase, onde se intensificarán as negociacións. 
Mertxe Aizpurua e Oskar Matute (Bildu), coa ministra de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mertxe Aizpurua e Oskar Matute (Bildu), coa ministra de Facenda, María Jesús Montero (Foto: Nós Diario)

Esta sexta feira rematou o prazo para rexistrar no Congreso dos Deputados emendas á totalidade do proxecto do Goberno español de Orzamentos Xerais do Estado de 2021 e, por tanto, de pedir a devolución das contas ao Executivo.

Presentáronse sete emendas totais: as de Vox, PP, CUP, Coalición Canaria, Junts per Catalunya e Foro Asturias. Tamén o fixo o BNG, matizando que non é “necesariamente preludio dun voto negativo na aprobación definitiva dos orzamentos”, senón un toque de atención para incrementar os "insuficientes" investimentos para a Galiza.

As fontes da organización consultadas por Nós Diario agardan que na fase de tramitación dos orzamentos os socialistas asuman algunhas das propostas presentadas.

De feito, as contas precisan ter máis votos a favor que en contra para pasar ao debate de emendas parciais, e aí o BNG e outras forzas soberanistas tamén esperan negociar mellorar as contas para os seus pobos, como é o caso do PNV, ERC, Bildu ou Compromís, que non presentaron emenda á totalidade pero xa anunciaron que formularán emendas parciais para negociar os orzamentos finais.

Nesa liña están tamén catro deputados de Junts per Catalunya, os que pertencen ao PDeCat, que votarán de forma diferente ao seu grupo.

A fase definitiva terá lugar no Pleno do Congreso a semana do 30 de novembro, onde se votarán as contas de cada ministerio. Aí o Goberno debe atar todos os seus apoios porque xa non valerán medias tintas, xa que perder a votación dunha sección suporía botar por terra todo o proxecto.

De feito, a decisión do ERC, Ciudadanos, PNV,  Bildu,  PDeCat, Más País- Equo, Compromís, Partido Rexionalista de Cantabria ( PRC), Teruel Existe e Nueva Canarias de permitir a próxima semana a tramitación dos orzamentos non implica que vaian votar a favor da súa aprobación a final de mes. Só supón manter a porta aberta á negociación.

Comentarios