Conta atrás para emendar os orzamentos do Estado

O proxecto de orzamentos do Estado para 2021 superou a súa primeira proba no Congreso, obtendo máis votos a prol que as emendas á totalidade que pedían a súa devolución. Ábrese agora a segunda fase, a da negociación das emendas parciais de cara á votación defintiva das contas públicas de 2021. 
Os orzamentos do Goberno superan as emendas á totalidade. Quenda agora das emendas parciais.
photo_camera Os orzamentos do Goberno superan as emendas á totalidade. Quenda agora das emendas parciais. (Foto: Europa Press)

O proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021, o primeiro deseñado polo Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos, superou esta quinta feira, 12 de novembro, o seu primeiro exame no Congreso, ao teren máis votos a prol que as sete emendas á totalidade que pedían a súa retirada. 198 deputadas e deputados do PSOE, Unidas Podemos, ERC, Ciudadanos, PNV, Bildu, PDeCAT, Más País, Compromís, PRC, Nueva Canarias e Teruel Existe apoiaron a propostas fronte aos 150 escanos que sumaron as distintas emendas presentadas polo PP, Vox, Junts, CUP, BNG, Coalición Canaria, e Foro Asturias.

A votación puxo fin a dous días de debate na Cámara, iniciados coa presentación do proxecto por parte da ministra de Facenda, Maria Jesús Montero.

Iso si, esta votación só garante a tramitación dos orzamentos e agora o PSOE e Unidas Podemos deberán selar acordos para asegurar que o proxecto acaba aprobado polas Cortes. De feito, tras superar este debate de totalidade, as contas pasarán a analizarse en relatorio (a porta fechada) e na comisión correspondente para debater as emendas parciais presentadas polos grupos.

A fase definitiva terá lugar no Congreso na semana de 30 de novembro, onde se irán debatendo e votando cada unha das seccións dos orzamentos. Aí o Goberno necesita unha maioría estábel para superar todas as votacións, xa que non hai unha votación de conxunto, senón que o rexeitamento das contas dun ministerio provoca a caída de todo o proxecto.

As forzas nacionalistas farán valer o seu peso para mellorar as contas en favor dos seus pobos. De feito, o BNG -que presentou emenda á totalidade por considerar os orzamentos discrimatorios coa Galiza-, instou o Goberno a negociar o aumento dos investimentos para o país, pondo enriba da mesa o déficit en infraestrutras no territorio galego.

A dereita españolista non gostou do apoio de Bildu na primeira votación das contas, e cargou contra o Goberno. Mais tamén chegaron críticas de baróns do PSOE, como o do presidente de Estremadura ou Castela e León. Moitos piden que Sánchez se apoie en Ciudadanos e non negocie con nacionalistas.

O BNG defende subir as pensións mínimas e a xubilación aos 65 anos

O Bloque Nacionalista Galego considera que as recomendacións da comisión de seguimento do Pacto de Toledo se fundamentan "nunha base errada", na validez das reformas do sistema público de pensións aprobadas en 2012 e 2013.

“É certo que se introduce unha vontade de superar en parte a reforma de 2013, cando se fala do índice de revalorización das pensións, pero permanece intacto o resto, que mesmo se actualiza para camiñar nunha liña de recorte do sistema público de pensións”, dixo o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que pide restabelecer a xubilación ordinaria aos 65 anos e a voluntaria ao cumprirse 35 anos de cotización reais ou compensados. Rego aposta por subir a pensión mínima para igualala co Salario Mínimo Interprofesional para posteriormente ir incrementando ambos até alcanzar 60% do salario medio.
 

Comentarios