Portugal

Fixada a data para o xuízo de Mamadou Ba, denunciado desde a extrema dereita

O caso de Mamadou Ba pon Portugal ante o seu pasado colonial, culminando o litixio unha persecución de longa data que amosa o aumento dos discursos de extrema dereita, denuncian organismos en defensa dos dereitos humanos. 
Mamadou Ba nun foro en 2021 analizando o avance da extrema dereita nos últimos exercicios en Portugal. (Foto: Web Summit)
photo_camera Mamadou Ba nun foro en 2021 analizando o avance da extrema dereita nos últimos exercicios en Portugal. (Foto: Web Summit)

Finalmente, confirmouse que o 11 de abril comeza o xuízo en Portugal contra o activista antirracista Mamadou Ba, un litixio no que falarán ao seu favor xornalistas, diplomáticos, a ex ministra de Xustiza Francisca Van Dunem ou o ex líder do Bloco de Esquerda Francisco Louçã.

Enfrontarase a unha acusación por difamación e inxurias, ratificada pola Fiscalía Xeral portuguesa a pesar das críticas de organizacións non gobernamentais e defensores dos dereitos humanos, e que pon de manifesto o impacto da extrema dereita no país, “cun aumento significativo dos discursos de odio” desde que Chega chegou ao Parlamento en 2019, sinala o xornalista Filipe Teles.

Ba cualificou nas redes sociais como un dos maiores responsábeis do asasinato de Alcindo Monteiro a Mário Machado, fundador de varias entidades de extrema dereita lusas, e condenado a catro anos de cárcere por agresión en 1995, cando un grupo de neonazis efectuaron 11 ataques violentos contra persoas de orixe africana no centro de Lisboa, incluíndo a agresión a Alcindo Monteiro, asasinado con 27 anos.

Machado, que pide unha indemnización por dano moral, tamén foi sentenciado por outras causas por discriminación racial, difamación, secuestro, extorsión e tenencia de armas ilícitas. Ao tempo, reiterou en distintas publicacións que non se arrepinte da súa ideoloxía e que lle gusta apuñalar xente, tamén difundiu vídeos vestido de vaqueiro asasinando a Ba.

En 2012, Machado foi condenado a unha pena acumulada de 10 anos de prisión por delitos como discriminación racial, difamación, secuestro e tenencia de armas ilícitas.

Pola contra, Ba é un dos persoeiros do movemento antirracista en Portugal e fundador de varios grupos en defensa dos dereitos civís, e recibiu en 2021 o Premio Front Line Defenders para defensores dos dereitos humanos en risco. O seu compromiso levouno a ser un dos obxectivos principais da extrema dereita, recibindo múltiples ameazas de morte. A ONG que dirixía, SOS Racismo, foi atacada en dúas ocasións e en 2020 foi agredido cando se atopaba coa súa crianza, cun nivel de ameaza que levou a que tivera protección policial algúns meses dese ano.

Persecución da extrema dereita

Até 30.000 persoas asinaron unha petición da extrema dereita para que fora expulsado do país, malia ter a cidadanía após vivir 25 anos no territorio. Esta persecución forzouno a abandonar Portugal para garantir a protección da súa familia. "Chegou até o punto de que non podo andar pola rúa só con seguridade", asegurou Ba.

Así e todo, tamén o perseguiron pola vía xudicial, con máis de dez procesos instados por Chega e polos sindicatos policiais. Un estudo das redes sociais de axentes da Policía desvelou que Ba é a segunda persoa máis mencionada, iso si, co seu nome acompañado de insultos violentos e racistas.

A entidade Front Line Defenders subliña que esta última denuncia só é o último caso “dun patrón de continuos ataques” que pretenden “silencialo e socavar a súa longa historia de loita contra o racismo en Portugal”.

“Hai moito que resolver en relación ao pasado colonial, cómpre abandonar a idea de que Portugal foi beneficioso para os que  foron colonizados”, explica o antropólogo João Carlos Louçã, integrante da campaña solidaria de apoio a Ba, que salienta en Al Jazeera que o activista “representa todo o que estas persoas odian, un negro que está orgulloso das súas raíces, que non ten medo a falar ou ao peso das súas palabras, e que non baixa os ollos ante este pasado colonial”.

Pola súa parte, Ba critica que co seu xuízo “as autoridades din que racistas e antirracistas son o mesmo”. “Volveuse imposíbel falar de racismo policial ou denunciar a violencia racista”, láiase, “calquera que o intente é atacado en liña, intimidado, eliminado en público, e as súas palabras quítanse de contexto para reinventalos como inimigos”.

A avogada de Ba, Isabel Duarte, fai fincapé en que "falando obxectivamente, non houbo delito; e falando subxectivamente, diría que non hai honra para ser ofendido ou ferido; entón, é un crime imposíbel".

Comentarios