Crise política en Portugal: o lexislativo debate unha moción de censura contra António Costa

Segunda moción presentada contra o Goberno após a dimisión do ministro de Infraestruturas e Vivenda, inmerso nun presunto caso de corrupción.
O primeiro ministro de Portugal, António Costa, o 3 de xaneiro. (Foto: Henrique Casinhas / Zuma Press)
photo_camera O primeiro ministro de Portugal, António Costa, o 3 de xaneiro. (Foto: Henrique Casinhas / Zuma Press)

A Assembleia da República de Portugal acollerá esta quinta feira o debate da segunda moción de censura presentada contra o Goberno que lidera António Costa, do Partido Socialista, desde a maioría absoluta que alcanzou en 2022, o que fecha a porta a calquera posibilidade de que prospere.

A moción presentada por Iniciativa Liberal chegou despois de que a pasada quinta feira se fixera pública a dimisión de Pedro Nuno Santos, o ministro de Infraestruturas e Vivenda, que se viu obrigado a deixar o cargo ao destaparse que a TAP, compañía aérea que depende do Ministerio, pagou 500.000 euros a Alexandra Reis por deixar o posto de administradora da empresa. Reis é a actual secretaria de Estado de Facenda.

O escándalo tamén provocou que o ex ministro comunicara onte a súa renuncia á dirección do Partido Socialista. As implicacións da remuda no Gabinete, co décimo cambio desde os comicios e até tres na última semana de decembro, tamén se replican a nivel partidista, pois Santos estaba considerado un dos posíbeis sucesores de Costa na Presidencia.

Comentarios