Catalunya

A Fiscalía quere man dura contra Jové e Salvadó: sete anos de cárcere polos preparativos do 1-O

Acúsaos de malversación agravada a pesar do pacto entre PSOE e ERC e pide 32 anos e 27 anos de inhabilitación, respectivamente.
Josep Maria Jové e Lluís Salvadó, nun acto de ERC. (Foto: VilaWeb)
photo_camera Josep Maria Jové e Lluís Salvadó, nun acto de ERC. (Foto: VilaWeb)

A Fiscalía Superior de Catalunya pide sete anos de prisión , 32 anos de inhabilitación e multa de 30.000 euros para o deputado de ERC Josep Maria Jové , ex secretario xeral de Vicepresidencia, e seis anos de prisión , 27 de inhabilitación e unha multa de 24.000 euros para Lluís Salvadó , ex secretario de Facenda e actualmente presidente do Porto de Barcelona.

Ambos os dous son acusados ​​de preparar o referendo do Primeiro de Outubro e de planificar a creación das estruturas de Estado. Tamén se lles acusa de malversación, prevaricación e desobediencia. O escrito de acusación da Fiscalía chega pouco despois da revisión da sentenza contra o 1-O por parte de Manuel Marchena que confirmou que a malversación aplicada nesta causa debe ser a agravada, a pesar da reforma do Código Penal pactada entre PSOE e ERC que introducía unha modalidade antenuada.

"Miserábeis, malas xentes e... (sobre todo) moita covardía! Sempre contra a represión! Porque o que fixemos, facemos e faremos, fixémolo polos principios democráticos e pola liberdade", lamentou Jové a través das súas redes sociais, após coñecer a noticia.

Para a actual conselleira de Cultura, Natàlia Garriga, a Fiscalía pide un ano de inhabilitación e unha multa de 18.000 euros por desobediencia. O fiscal Pedro Ariche pedira unha prórroga para presentar este escrito de acusación, para poder ter claro que lectura ía facer da nova redacción do delito de malversación incluída na última reforma do Código Penal, pactada polo PSOE, Unidas Podemos e ERC.

Esta reforma distinguía a malversación agravada —prevista para os casos de enriquecemento persoal— da malversación atenuada —para supostos de administración desleal—, que estabelece penas moi inferiores.

A esperanza de ERC era que todos os que aínda están procesados ​​por malversación polo Primeiro de Outubro, como Jové e Salvadó, que serán xulgados no Tribunal Superior de Justícia de Catalunya, mais tamén a vintena longa de ex altos cargos que son procesados ​​nos xulgados 13 e 18 de Barcelona, ​​puidesen aforrar o cárcere, ou que as condenas que puidesen ter fosen moito máis baixas.

Pero o Supremo fixou doutrina: confirmou a pena de inhabilitación por malversación agravada contra os ex presos políticos que foron condenados por este delito e mantivo os 13 anos a Oriol Junqueras e os 12 a Jordi Turull, Raül Romeva e Dolors Bassa. Isto guiou definitivamente a Fiscalía para pedir man dura contra Jové e Salvadó.

Comentarios