Catalunya

O Supremo mantén a inhabilitación de Junqueras, Romeva, Turull e Bassa a pesar do novo Código Penal

Jordi Sànchez, Jordi Cuixart, Carme Forcadell, Josep Rull e Joaquim Forn deixan de estar inhabilitados e poderían participar na política institucional.
Joaquim Forn, Raül Romeva e Oriol Junqueras, en primeiro plano, no xuízo do 'procés'. (Foto: VilaWeb)
photo_camera Joaquim Forn, Raül Romeva e Oriol Junqueras, en primeiro plano, no xuízo do 'procés'. (Foto: VilaWeb)

O Tribunal Supremo español vén de anunciar o resultado da revisión das condenas aos presos políticos tras a aprobación do novo Código Penal, coa supresión do delito de sedición e a modificación dos de desordes públicas e desobediencia. Mantén a inhabilitación a Oriol Junqueras e Dolors Bassa até 2031 e para Raül Romeva e Jordi Turull até 2030, xa que non lles rebaixa a condena por malversación, senón que lles impón a pena de malversación agravada.

A Jordi Sánchez e Jordi Cuixart condénaos por desordes públicas agravadas, e a Carme Forcadell, Josep Rull e Joaquim Forn, por desobediencia. As penas de inhabilitación por estes delitos son menores á da sedición, polo que todos eles xa terían cumprido a pena de inhabilitación e poderían ser elixidos como representantes públicos, se así o desexan.

O tribunal, presidido por Manuel Marchena e coa participación de Andrés Martínez Arrieta, Juan Ramón Berdugo, Antonio del Moral, Andrés Palomo e Ana Ferrer, que xa redactaron a primeira sentenza contra o procés, fixo seus os argumentos da Fiscalía, que pediu manter a mesma inhabilitación aos condenados por malversación.

Na primeira sentenza, os axuizados por sedición e malversación foron condenados sen precisar cantos anos de prisión e de inhabilitación correspondían a cada delito por separado. Agora, a pesar da eliminación dun destes delitos —sedición—, mantén integramente a condena, sostida só polo delito de malversación.

A reforma do Código Penal distingue tres supostos de malversación susceptíbeis de ser castigados: a apropiación indebida con ánimo de lucro para o enriquecemento persoal ou dun terceiro —castigado con penas de prisión de catro anos a oito e inhabilitación de dez anos a vinte—, o uso temporal de patrimonio público para proveito privado —prisión de seis meses a tres anos e suspensión de cargo público entre un ano e catro— e destinar patrimonio público a unha aplicación distinta á prevista —penas de entre un e catro anos de cárcere, que se rebaixarían a unha multa se non houbo dano grave—.

Con todo, como xa fixo Pablo Llarena para perseguir os exiliados, Marchena insiste en aplicarlles a malversación no seu suposto máis grave: "Aplicar os fondos públicos da Generalitat para o financiamento dunha consulta popular que desbordaba o marco competencial de quen a promovía, desenvolta tras requirimentos reiterados do Tribunal Constitucional e do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya para evitala e, en fin, orientada a un proceso secesionista que non chegou a ter virtualidade, nunca poderá considerarse 'unha aplicación pública distinta' [reproduce o redactado do novo Código Penal] daquela á que estaban orzamentariamente adscritos estes fondos. E, o que é máis evidente, non poderá entenderse que se tratou dunha actuación ausente de ánimo de lucro".

No auto, o tribunal di que o delito de sedición, xa derrogado, pode entenderse agora comprendido polo delito de desordes públicas. Porén, Sànchez e Cuixart son condenados, xustamente, por un delito de desordes públicas polos feitos do 20 de setembro de 2017. Segundo di, ambos os dous alteraron a paz pública e provocaron actos intimidatorios como consecuencia da concentración diante do Departament d'Economia.

De todas formas, o Supremo vai máis aló e chega a dicir que o novo Código Penal deixaría impunes os procesos de independencia que fosen entre os feitos que se catalogan como rebelión e os de desordes públicas. "Existe un espazo intermedio que pode aloxar no futuro condutas gravemente atentatorias contra o sistema constitucional, no que a observancia das leis e o incumprimento das resolucións xudiciais, se non van acompañadas dunha violencia pre-ordenada a estes fins ou non implicasen actos de violencia ou intimidación sobre as persoas ou as cousas, quedarían impunes".

Comentarios