O Tribunal de Xustiza da UE crea un precedente cos exiliados cataláns para a denegación de 'euroordes'

O tribunal di que o xuíz Llarena pode emitir novas 'euroordes' sempre que sexan "proporcionadas", mais dá novos argumentos para que sexan denegadas.
Comparecencia dos maxistrados do TXUE. (Foto: VilaWeb)
photo_camera Comparecencia dos maxistrados do TXUE. (Foto: VilaWeb)

Os quince xuíces da gran sala do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) responderon ás cuestións prexudiciais presentadas polo maxistrado do Tribunal Supremo español Pablo Llarena, por mor da decisión da Xustiza belga de denegar a extradición de Lluís Puig. A sentenza do TXUE estabelece, por vez primeira, un novo suposto de denegación de 'euroordes': que a persoa reclamada demostre que existen condicións no Estado reclamante "que teñen efecto na tutela xudicial efectiva dun grupo obxectivamente identificábel de persoas".

É un dos obxectivos que perseguían os exiliados, o recoñecemento dos independentistas como un grupo específico de persoas contra o que o Estado de dereito deixa de funcionar. A sentenza indica, pois, que o tratamento aos independentistas é un factor de denegación equiparábel ao das deficiencias sistémicas que até o de agora o TXUE tiña en conta á hora de denegar as 'euroordes'.

O tribunal di a Llarena que pode repetir as devanditas ordes, pero que estes argumentos, convenientemente demostrados e acreditados por parte da persoa reclamada, poden xustificar a denegación da extradición por vulneración do xuíz predeterminado pola lei.

En caso contrario, se non existisen estes datos obxectivos e se o tribunal que decidirá sobre a extradición non solicitou antes toda a información previa ao xuíz emisor da 'euroorde', non poderá negarse a iso. De feito, a parte dispositiva da sentenza, a que leu o presidente do TXUE, Koen Leanerts, sinala que Bélxica non actuou correctamente, pois non foi suficientemente dilixente.

Pero, á súa vez, dá aos tribunais, tanto de Bélxica como do resto de estados da UE, máis instrumentos para xustificar a denegación destas ordes. Aliás, o tribunal considera que o informe do Grupo de Detención Arbitrarias da ONU é un elemento que pode ter en conta o xuíz que deba decidir sobre unha 'euroorde' para denegala.

 

Dito isto, o tribunal tamén responde a Llarena que si se poden emitir novas 'euroordes' contra alguén a quen lle denegue previamente unha. "Sempre que esta nova 'euroorde' sexa proporcionada", matiza. Esta sentenza, cuxo contido íntegro aínda non se fixo público, afástase notabelmente das conclusións do avogado xeral do TXUE, Richard de la Tour.

Comentarios