Voces de Palestina

Felipe Noya, portavoz da Coordinadora de ONGD: "O bloqueo a Gaza vén de moi atrás, o que se está facendo é agudizalo"

Felipe Noya é o portavoz da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Nesta conversa con 'Nós Diario' analiza o agravamento do conflito.
Felipe Noya pertence á ONG Médicos do Mundo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Felipe Noya pertence á ONG Médicos do Mundo (Foto: Nós Diario).

—A situación non deixa de empeorar na Faixa de Gaza.
Isto non é unha cousa nova, a Faixa de Gaza leva sendo un cárcere a ceo aberto desde hai xa perto de 20 anos. Mais agora, a raíz do corte das subministracións, unido aos bombardeos continuos, a situación é unha auténtica crise humanitaria. O bloqueo xa vén de moi atrás, e o que se está facendo é agudizalo.

—E como afecta o conflito ao sistema sanitario de Gaza?
O sistema sanitario en Gaza é moi débil, precisamente polo bloqueo de Israel, e a situación actual supón unha maior sobrecarga do mesmo. A maiores, parece complicada a posibilidade de que se abran corredores humanitarios, que é a principal reivindicación que facemos desde a Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, ademais de constituír unha obriga en base ao dereito internacional. 

—Falamos de moita xente nun espazo realmente pequeno. 
A poboación supera os dous millóns de persoas e o territorio apenas chega aos 50 quilómetros de longo e 13 de largo. Hai un quilómetro desde a zona habitábel até o valo nun perímetro que os israelitas chaman zona de seguridade e no que se gardan a posibilidade de disparar. 

—Trátase dun conflito histórico que xa vén de moi atrás.
Dentro da Faixa de Gaza hai perto dun millón de persoas que son poboación refuxiada, xente que non era orixinaria do territorio mais que vive alí, falamos de refuxiados de tres ou catro xeracións, familias desprazadas na orixe da guerra dun conflito que non empezou hai tres días, senón hai máis de 70 anos.

—Estanse a cometer moitos crimes de guerra no territorio?
Os reportes que temos con respecto a crimes de guerra teñen que ver co bombardeo de infraestruturas civís, e máis en concreto de hospitais, mais non é unha novidade. O incumprimento do dereito internacional dáse polas dúas partes, mais o Goberno de Israel di directamente que non está disposto a cumprir estes compromisos.

—Que papel está tendo a Diplomacia da Unión Europea?
Está sendo morna. Solicitámoslle que traballe a prol da apertura dun corredor humanitario e non obtivemos resposta. Algunhas autoridades de alto rango, por exemplo de Alemaña, incluso falaron de interromper a axuda humanitaria a Palestina, aínda que polo de agora non temos a confirmación de que vaia ser así.

—Hai moita confrontación.
Cando falamos de construción de paz non é unha cuestión só das declaracións dos políticos, senón tamén da sociedade, por iso pedimos á xente e aos medios de comunicación que eviten as mensaxes de odio. A acción humanitaria é a única solución posíbel e precisamos axuda para poder traballar para obter a paz.

Comentarios