Febreiro, o noveno mes consecutivo que racha o récord de temperatura

Os océanos -agás os polares- fixaron unha nova marca de calidez.
Rúas de Andoain, en Euskadi, inundadas o 27 de febreiro. (Foto: Unanue / Europa Press)
photo_camera Rúas de Andoain, en Euskadi, inundadas o 27 de febreiro. (Foto: Unanue / Europa Press)

As advertencias sobre o quecemento global non cesan. O pasado ano foi o máis cálido desde que existen rexistros, entre febreiro de 2023 e xaneiro de 2024 foi a primeira vez no que ao longo dun exercicio as temperaturas se mantiveron 1,5ºC máis altas que na época preindustrial, o limiar acordado internacionalmente para evitar o incremento exponencial dos seus efectos, e hoxe, o Servizo de Cambio Climático Copernicus da Unión Europea (UE), anunciou que vén de rematar o mes de febreiro máis cálido rexistrado, marcando o noveno mes consecutivo de récord de temperaturas.

Febreiro foi 1,77ºC máis quente que a media de referencia preindustrial, un clima ao que “a nosa civilización nunca tivo que facer fronte”, alertou Carlo Buontempo, director do programa da UE, asegurando que “creo que a definición de territorio inexplorado é apropiada”, e incidindo no reto que supón para “as nosas cidades, a nosa cultura, o noso sistema de transporte, o noso 
sistema enerxético”.

Nova marca nos océanos

En relación coa media de febreiro de 1991 a 2020, o mes pasado foi 0,81ºC máis quente. Esta situación tamén se reflicte nos océanos, nos que este febreiro foi o mes máis cálido nunca rexistrado, cunha media de 21,06ºC.

Malia que esta estatística exclúe os océanos polares, están a sufrir o mesmo impacto, co xeo mariño da Antártida na súa terceira extensión máis baixa rexistrada, case 30% por baixo da media.

Orixe do quecemento global

O cambio climático está provocado principalmente polas emisións de gases de efecto invernadoiro causadas pola queima de combustíbeis de orixe fósil. Reducir rapidamente estas emisións é a única vía para frear a alza das temperaturas.

Comentarios