2023 marcará un novo récord de emisións de gases de efecto invernadoiro malia o debate climático

A COP28 aborda a fin dos combustíbeis fósiles.
A contaminación é un factor de risco moi importante para as crianzas europeas (Foto: Europa Press).
photo_camera A contaminación é un factor de risco moi importante para as crianzas europeas (Foto: Europa Press).

Horas antes do comezo da xornada de debates de hoxe na 28ª Conferencia da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre Cambio Climático, COP28, o último informe de Global Carbon Project confirmaba que as emisións de dióxido de carbono á atmosfera alcanzarán un novo récord en 2023 con 40.900 millóns de toneladas.

O documento, elaborado por máis de 90 institucións a nivel mundial, tamén refire que, se as emisións seguen a aumentar, en sete anos hai 50% de probabilidades de que a alza da temperatura global fique por riba dos 1,5ºC en relación á época preindustrial.

Limitar o incremento da temperatura a esta cifra foi un acordo da COP21, baseado en que a partir deste limiar os efectos da mudanza climática medran de forma exponencial. Un estudo da ONU desvelou que nestes momentos a suba é de 1,4ºC.

Así e todo, a contaminación provocada pola principal causa do quecemento global, o uso de carbón, gas e petróleo, elévase 1,1% en comparación con 2022 e fechará este exercicio con 36.800 millóns de toneladas de emisións.

Neste sentido, deron inicio na COP28, cuxo final está previsto para o 12 de decembro, os debates sobre as datas e o procedemento para minimizar o uso de combustíbeis fósiles, nunha cimeira específica que aborda as distintas opcións entre as que os Estados terán que decidir a partir da sexta feira.

A axencia AFP divulgou os tres borradores que se tratan nas xuntanzas, un defende unha “saída ordenada e xusta dos combustíbeis fósiles” sen fixar data, outro chama a “acelerar os esforzos para afastarse dos combustíbeis fósiles” de cara a “mediados de século” e o terceiro non menciona unha redución do seu uso.

Até 80.000 delegadas e delegados están inscritos para formar parte do debate, nunha cimeira que bateu marcas de presenza de grupos de presión. A alianza de grupos ecoloxistas Kick Big Polluters Out constatou que 2.456 persoas rexistradas para participar están directamente vinculadas ao sector dos combustíbeis fósiles.

O que si aceptaron até o de agora máis de 110 Estados foi un compromiso para triplicar a capacidade de produción global de enerxías renovábeis ao final desta década, entrementres, o presidente brasileiro, Lula da Silva, defendeu crear un fondo internacional para financiar os países por cada hectárea de selva ou bosque conservada a través dun sistema de verificación internacional. Asemade, os Estados beneficiados non poderían superar unha taxa máxima de deforestación anual.

Comentarios