Eleccións catalás

O PSC gaña, Junts aposta por un "Govern sólido" e ERC anuncia que irá á oposición

Un pacto á esquerda do arco parlamentario entre PSC, ERC e Comuns-Sumar obtería a maioría absoluta, mais o candidato republicano sinalou na campaña que vía o socialismo catalán moi lonxe da súa formación.
O lider do PSC, Salvador Illa, este domingo na sede da formación (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press).
photo_camera O lider do PSC, Salvador Illa, este domingo na sede da formación (Foto: Lorena Sopêna / Europa Press).
  1. Illa quere optar á investidura
  2. ERC irá á oposición
  3. Puigdemont aposta por un Govern sólido
  4. O PP celebra a súa suba
  5. Vox mantén os seus escanos
  6. Comuns-Sumar chama a un Govern de esquerdas
  7. A CUP asume uns malos resultados
  8. A ultradereita catalá entra no Parlament
  9. Ciudadanos desaparece en todo o Estado

O PSC gañou as eleccións ao Parlament de Catalunya, sumando 42 escanos (nove máis que en 2021) e 27,96% dos votos con 99,48% do escrutinio, seguido de Junts (21,61%), con 35 deputados e deputadas (gaña tres), e de ERC (13,68%), que obtén unha forte caída coa perda de 13 asentos (ficando nos 20 escanos).

 

O PP obtén 15 escanos (12 máis) e 10,97% dos sufraxios, Vox (7,96%) mantense en 11 escanos, mentres que Comuns-Sumar (5,82%) fica en seis asentos (dous menos). A CUP (4,09%) descende a catro escanos (cinco menos) e a ultradereita de Aliança Catalana (3,78%) entra no Parlament con dous asentos. Ciutadans, pola súas parte, queda fóra.

A participación situouse arredor de 58%, o que supón máis de 6.5 puntos porcentuais máis que nos comicios de 2021 marcados polo coronavirus, segundo datos da Generalitat de Catalunya. Á falta de chegar a 100% do reconto, os resultados en escanos parecen xa totalmente consolidados.

Illa quere optar á investidura

O candidato do PSC, Salvador Illa, celebrou este domingo a súa vitoria nas eleccións catalás, as primeiras en 45 anos nas que o PSC gaña tanto en escanos como en votos, e afirmou: "Corresponde ao PSC liderar esta nova etapa".

"Asumo esta responsabilidade e, por conseguinte, no momento no que se constitúa a Mesa do Parlament, manifestarei a miña vontade de presentar a miña candidatura para presidir a Generalitat", declarou na sede do PSC. Illa sinalou que un dos factores que influíron na súa vitoria foron as "políticas seguidas" polo Goberno español de Pedro Sánchez, ao que agradeceu o seu liderado.

ERC irá á oposición

Un pacto á esquerda do arco parlamentario entre PSC, ERC e Comuns-Sumar obtería a maioría absoluta tras os resultados das eleccións catalás deste 12 de maio. O PSC precisaría do apoio de republicanos, unha vez que os comuns xa ofreceron investir Illa para que asuma a Presidencia.

Porén, non é unha suma sinxela, pois o candidato de ERC, Pere Aragonès, sinalou na campaña que vía o socialismo catalán moi lonxe da súa formación. A alternativa que se albisca neste contexto é a repetición electoral, unha vez que as forzas soberanistas non suman para investir un Govern.

"Asumiremos a vontade da cidadanía e seguiremos a partir de agora na oposición", afirmou Aragonés no seu discurso tras as eleccións. "Corresponde agora a Junts e a PSC liderar unha nova etapa en Catalunya", sinalou o candidato de ERC, sen falar de ningún posíbel apoio a outra forza mais deixando entrever que non entrarán no Govern.

Puigdemont aposta por un Govern sólido

Tamén sumarían os votos de Junts e do PSC. A pesar de que Carles Puigdemont sinalou en campaña que non faría president a Salvador Illa, as enigmáticas palabras do candidato de Junts sobre un "Govern sólido" e de rexeitamento dunha repetición electoral abren a posibilidade dun posíbel pacto para investir Salvador Illa, aínda que máis ben semella que avanzaba a intención de forzar o PSC a facer president de novo ao propio Puigdemont.

O candidato de Junts deu os parabéns ao PSC por gañar as eleccións e puxo en valor que a súa formación sexa a única en subir no ámbito soberanista. Con todo, dixo, "non foi suficiente para compensar as caídas de votos e escanos sufridas polas outras dúas forzas independentistas", en referencia a ERC e á CUP.

"A distancia entre nós e o PSC non é diferente á que hai entre o PP e o PSOE no Parlamento español", afirmou. A pesar disto, continuou, "estamos en condicións de construír un Govern sólido de obediencia netamente catalá, e a iso dedicaremos as próximas horas co obxectivo de que haxa un Govern coherente, cun bo liderado no Parlament, e evitar a repetición electoral, que sería unha mala noticia para o país", acrecentou o candidato de Junts sen aclarar en que dirección irían estes posíbeis pactos.

O PP celebra a súa suba

O candidato do PP ás eleccións catalás, Alejandro Fernández, afirmou que o PP de Catalunya volveu "con máis forza que nunca", tras pasar dos tres escanos que logrou en 2021 aos 15 que conseguiu este domingo. "Hai tres anos tocamos fondo, mais soubemos reaccionar", declarou na súa comparecencia.

Vox mantén os seus escanos

O candidato de Vox ás eleccións catalás, Ignacio Garriga, celebrou que o partido "se consolide como unha forza política en Catalunya" e augurou unha oposición máis dura para o próximos catro anos. "Estes tres anos de oposición no Parlament ao separatismo e ao socialismo non teñen nada que ver cos catro anos que imos liderar a partir de agora", engadiu desde a sede electoral de Vox en Barcelona.

Comuns-Sumar chama a un Govern de esquerdas

A candidata de Comuns-Sumar a presidir a Generalitat, Jéssica Albiach, lamentou perder dous escanos nas eleccións catalás mais asegurou que é "posíbel" un Govern de esquerdas. En rolda de prensa este domingo, chamou a "todas e cada unha das forzas de esquerdas" a construír un novo Govern como única maneira de responder as necesidades de Catalunya, e así o trasladou ao candidato do PSC, Salvador Illa, a quen felicitou por gañar as eleccións.

A CUP asume uns malos resultados

A candidata da CUP ás eleccións catalás, Laia Estrada, asumiu este domingo que "os resultados non son bos, en ningún caso", despois de que a súa formación lograse catro escanos, cinco menos dos que obtivo nos últimos comicios ao Parlament de 2021. Nunha conferencia de prensa para valorar os resultados, Estrada expresou que "queda un Parlament máis de dereitas e máis españolista que nunca", e valorou que ese contexto reduce as aspiracións sociais e nacionais da sociedade catalá.

A ultradereita catalá entra no Parlament

Aliança Catalana, o partido de extrema dereita impulsado pola alcaldesa de Ripoll (Girona), Sílvia Orriols, conseguiu entrar por primeira vez no Parlament de Catalunya nas eleccións deste domingo, con dous asentos. Conseguiu un escano na demarcación de Girona e outro na de Lleida.

Ciudadanos desaparece en todo o Estado

Ciutadans non conseguiu vencer aos prognósticos desfavorábeis e quedou fóra do Parlament de Catalunya, o último no que Ciudadanos tiña presenza en todo o Estado español. Así, tras varios desastres electorais, a formación laranxa completou a súa desaparición do territorio estatal en Catalunya, onde o partido naceu e madurou. Con todo, o candidato de Ciutadans, Carlos Carrizosa, afirmou que se presentarían a uns novos comicios, adiantando a posibilidade dunha repetición electoral.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios