O EUROGRUPO APROBA AS REFORMAS PROPOSTAS POR GRECIA

A que se compromete Atenas? Que deu salvado Tsipras? Por que o FMI quere máis?

Luz verde final do Eurogrupo -os ministros de Finanzas da eurozona- ao pacote de reformas ao que se compromete Atenas para obter unha prórroga de 4 meses do rescate pactado no seu día polo Goberno de Nova Democracia con Bruxelas. O executivo grego cede en materia de privatizacións -non reverterá as xa realizadas-, mais consegue evitar unha nova suba do IVE. O FMI mostrou reservas sobre o acordo.

Eurogrupo
photo_camera [Imaxe UE]

 

Por volta das 15.37 horas, o Eurogrupo emitiu un comunicado para informar de que consideraba adecuada a "listaxe de reformas" presentada polas "autoridades gregas", o cal significa que a liña de financiamento a Atenas e que expiraba o 28 de febreiro -o coñecido como segundo rescated- se irá prorrogar por espazo de 4 meses.

Aliás, no comunicado o Eurogrupo resalta que este acordo aínda ten de ser "especificado e concertado" polas "institucións" o máis tardar a finais de Abril. As "institucións" é como se chama agora a Troika. Os ministros de Finanzas da eurozona salientan que a antiga Troika considera as propostas de Atenas como un "ponto de partida válido".

O acordo xa se enxergaba a primeiras horas da mañá desta terza feira. "Do ponto de vista da Comisión, esta listaxe [de reformas propostas polo Goberno Tsipras] é suficientemente alargada para ser un ponto de partida válido para conseguir unha conclusión da revisión do acordo do resgate", confidenciaba unha fonte da Comisión á axencia Reuters, ao tempo que avanzaba a satisfacción do Eurogrupo cos compromisos de Atenas na loita contra a "evasión fiscal e a corrupción".

Aliás, as exixencias de financiamento de Atenas (ten de asumir vencementos por valor de cuase 7.000 millóns de euros entre xullo e agosto) non van ser cubertas pola prórroga do rescate pactada a sexta feira por Varaoufakis cos seus colegas en Bruxelas

O acordo do Eurogrupo esta terza feira supón só un balón de oxíxeno para Atenas que a finais de xuño se vería obrigado a renegociar de novo

Isto significa que o acordo do Eurogrupo esta terza feira supón só un balón de oxíxeno para Atenas que a finais de xuño se verá obrigado a renegociar de novo cos seus parceiros europeus.

A posición de Tsipras na negociación viuse moi condicionada por dous factores. Primeiro, porque Atenas exclúe de inicio a hipótese da saída do euro, co cal pouca marxe de movimento ten por diante. Segundo, porque a dupla Varaoufakis-Tsipras non conseguiu ningún aliado na eurozona e mesmo bateu coa aberta hostilidade de Madrid e Lisboa, que están a ser máis merkelistas que Merkel.

A que se compromete Atenas?

Basicamente a non paralizar o proceso de privatizacións posto en marcha pola direita e continuar coa venda de propriedades públicas ao capital internacional, coa intención, iso si, de maximizar os beneficios "a longo prazo" para o Estado. No mellor dos casos, a proposta grega consiste en estabelecer en determinados sectores da economía joint ventures, parcerías entre os sectores público e privado. O obxectivo explícito é o de "atraer investimento". Desde que goberna Syriza, a fuga de capitais ten atinxido os 20.000 millóns de euros, por volta do 10% do PIB.

Hai máis. O Goberno Syriza comprométese a "modernizar o sistema de pensións" e a tomar medidas para reducir as "excesivas taxas" de "prexubilacións", moi socorridas na banca e nos sectores públicos. O neoliberalismo aparece sen reparos cando o Goberno Syriza propón ao Eurogrupo "consolidar os fondos de pensións para conseguir aforros".

Controlar o gasto público é outro dos compromisos de Tsipras, nomeadamente na racionalización dos gastos, das despesas, que son nen salarios nen pensións públicas, unha xigantesca partida que representaría por volta do 56% do gasto público. Nese sentido, Atenas oferta a redución do número de ministerios (de 16 a 10).

Que deu preservado Syriza?

Que móbeis puido salvar o Goberno Tsipras na negociación co Eurogrupo? En principio, conseguiu non comprometer a suba do IVE nen unha nova baixa na cuantía das pensións. Tamén obtivo o plácet de Bruxelas ao incremento do salario mínimo, embora sexa de forma "progresiva" e "en consulta cos parceiros sociais e as institucións internacionais e europeas", entre elas a Organización Internacional do Traballo (ILO, nas súas siglas en inglés).

Atenas tamén obtén apoio para lanzar un plan de investimento social vocacionado para aliviar a "crise humanitaria" decorrente da aplicación das políticas neoliberais implementadas no país desde no mínimo 2010. A pobreza absoluta tense incrementado dramaticamente no país, como se reflecte no documento heleno aprobado polo Eurogrupo e no que se fala de "inadecuado acceso" á alimentación, vivenda, servizos de saúde e subministración básica de enerxía.

Mas mesmo así o goberno grego se compromete a asegurar que a súa "loita contra a crise humanitaria" non terá un "efecto fiscal negativo".

Por que o FMI quere máis?

O FMI asume o papel de poli mao e, por boca da súa directora xeral, Christine Lagarde, mostrou reservas sobre o acordo selado entre o Eurogrupo e Grecia.

A institución crediticia hexemonizada por Washington acha insuficientes as concesións feitas por Atenas en materias tan sensíbeis como a reforma do sistema das pensións, a "alteración do réxime do IVE", a liberalización da entrada nos sectores "máis fechados" da economía grega, a política de privatizacións e as leis que regulan o mercado laboral.

Non surprende que o FMI manteña a presión porque a historia continúa e, a finais de xuño, Atenas se verá obrigada a reabrir as negociacións con Atenas. O FMI quere máis. Máis madeira neoliberal.

Comentarios