ATENAS TEN AíNDA QUE PRECISAR A QUE SE COMPROMETE EN TROCA DO FINANCIAMENTO

Grecia acorda co Eurogrupo prorrogar o rescate durante 4 meses

A prórroga do segundo rescate será finalmente de só 4 meses e non de 6 como propuxera Grecia na terza feira. O acordo é precário e aínda se ignora a que se compromete Atenas en troca da liña de financiamento.

varoufakis
photo_camera Yanis Varoufakis

Grecia e o Eurogrupo acordaron realmente comprar tempo. 4 meses de prórroga do segundo rescate. En termos políticos, non hai gañadores nen vencedores. Táboas. Mais os problemas de fondo continúan sen resolver. Atenas comprometeuse cos seus parceiros europeus a informar a segunda feira das condicións que asume ao aceitar o alargamento do programa de financiamento. Non é debalde: a chave está agora en sabermos se a dupla Tsipras-Varoufakis conseguirán salvar o programa económico co que gañaron as eleccións ou se, en troca, terán de renunciar a el para se manter na eurozona.

A presión sobre Atenas foi fortísima nas horas previas á esta nova cimeira do Eurogrupo. Der Spiegel publicou esta sexta feira que o Banco Central Europeu se estaba a preparar para unha eventual saída helena do euro. Alemaña dobraba a aposta horas antes de se voltar a sentar na mesa con Grecia. Merkel xoga, en realidade, coas cartas marcadas, sabendo que o Goberno Syriza quer manterse na eurozona e que faría concesións para conseguilo.

Esta sexta feira gañou sen dúbida o statu quo dunha zona euro a 19, con Grecia dentro

Tsipras tentará vender agora á sociedade grega que chega a un acordo con Alemaña sen ceder en nada relevante e mantendo o país na zona euro. Merkel poderá dicer que Atenas non obtén ningún botín significativo e que Grecia, contra o afirmado por Syriza nada máis gañar os comicios, acabou por solicitar unha prórroga do rescate.

A posta en escena deste acordo en termos políticos será, portanto, chave. É moi significativo que o texto do acordo fora redixido polos dous grandes protagonistas da negociación, Yanis Varaoufakis pola parte grega e Wolfang Schäuble pola xermana, ben como polo presidente do Eurogrupo, Jeroen Dijsselbluem.

Varoufakis: "Desde hoxe seremos co-autores do noso futuro, desde hoxe seremos nós os que decidamos as reformas"

O Eurogrupo fala de flexibilidade, termo que promete ser fetiche, o que quer dicer que permitirá a Grecia aplicar medidas menos draconianas das que se viu obrigado a implementar o goberno de Nova Democracia. Atenas terá agora de precisar que axustes irá asumir durante estes 4 meses. En todo caso, e ao remate da cimeira, Varoufakis optou por facer da necesidade, virtude, e declarou que "deixamos atrás o tempo en que Grecia era tratada como unha estranxeira. Desde hoxe seremos co-autores do noso futuro, desde hoxe seremos nós os que decidamos as reformas".

A cuestión central é sabermos agora que entende Varoufakis -economista que se autocualifica como marxista "errático", por heterodoxo- por reformas: se emprega este termo como sinónimo eufemístico de recortes -ao estilo Rajoy/Hollande- ou se se referir a cambios graduais na economía helena que a afasten, sequer sexa paseniñamente, do paradigma neoliberal en que se viu mergullada desde a intervención do país por parte da Troika.

Hai aínda moitas incógnitas por despexar, mais esta sexta feira gañou sen dúbida o statu quo dunha zona euro a 19, con Grecia dentro.

Comentarios