Que consegue Grecia?
O que consegue Grecia basicamente é un empréstimo de 1.800 millóns de euros e o pagamento doutros 1.900 millóns a conta do beneficio que irá obter o Banco Central Europeu coa compra de bonos helenos.
Consegue tamén unha palabra chave na aplicación dos rescates [si, o que fai Grecia é prolongar o rescate]: flexibilidade. Esa flexibilidade iralle permitir que Bruxelas non sexa ríxida na exixencia dun superávit primario grego en 2015 do 3% do PIB. O superávit primario é aquel que se obtén sen ter en conta o pagamento dos xuros pola débeda. Isto significa que Grecia poderá destinar parte dos recursos públicos non a acumular excedente, senón a financiar políticas sociais.
Segundo explicou en conferencia de imprensa após a cimeira do Eurogrupo Yanis Varoufakis, Grecia consegue tamén que, entre a listaxe de compromisos a asumir en troca da nova liña de financiamento, non figure nen a suba do IVE nen a baixa das pensións públicas.
Que consegue Alemaña?
Primeiro, que Grecia se vexa obrigado a facer o que en primeira instancia manifestou que nunca faría: atarse ao rescate negociado no seu momento polo goberno de Nova Democracia.
Segundo, que Grecia se comprometa a que calquer alteración sobre os termos do acordo do rescate tal e como foron asinados por Bruxelas e o Goberno de Nova Democracia se fagan previa avaliación do Banco Central Europeu, a Comisión Europea e o Fundo Monetario Internacional. Isto é, Grecia asume que a Troika, aínda que adopte outra forma e outro nome, continuará fiscalizando todo.
Terceiro, afasta en principio o espectro da saída de Grecia do Euro. Embora meios de comunicación mainstream como Der Spiegel informasen de que o BCE estaba a manexar a hipótese da Grexit [termo que designa a saída helena da zona euro], o certo é que Berlín prefire que Grecia non se vaia, pola instabilidade que dese movemento podería decorrer e os hipotéticos efeitos contaxios que poderían darse noutras economías.
Cuarto, que Grecia asuma que a conditio sine qua non para obter financiamento do BCE é introducir "reformas" na súa economía, eufemismo na xíria da UE que en realidade significa recortes. Está agora por ver a envergadura das "reformas" que asume Atenas [o acordo desta sexta feira está condicionado a que Grecia apresente a segunda feira unha listaxe de compromisos sobre políticas concretas a aplicar no seu país].
Declaracións de Tsipras
Se a sexta feira o protagonismo recaeu en Varoufakis, este sábado foi a quenda do primeiro ministro grego, Alexis Tsipras.
Non foi nada triunfalista, embora deixase unha frase de ton positivo: "O acordo deixa atrás a austeridade, o memorando e a Troika". O substancial do que dixo é que o pior está aínda por vir: "As dificultades reais están por chegar. Evitamos a asfixia de Grecia, mais o pior vén agora".
Para Tsipras, e grazas ao "decisivo apoio do povo grego", o seu país foi quen de "conservar a dignidade no día que talvez foi o máis importante desde que está na UE".