MERKEL: "NON IMOS REAXIR PERANTE AS PETICIóNS DE GRECIA"

O Eurogrupo analisará esta tarde a última oferta de Tsipras

O día despois de Grecia non satisfacer un pagamento de 1.544 millóns de euros ao FMI, as negociacións continúan entre Atenas e Bruxelas, no meio dunha enorme confusión. O que é obxectivo a estas horas é que o Eurogrupo se reunirá esta tarde (17.30 horas) para avaliar a última oferta de Tsipras.

Cimeira Merkel Tsipras
photo_camera Merkel e Tsipras

El País titula a esta hora que Tsipras transixe ante Bruxelas (nunha primeira versión utilizou o verbo claudicar), o que non se sabe ben se é a expresión dun desexo ou un feito obxectivo. Outros meios son máis cautos. Público.PT titula na súa capa: "Tsipras, disposto a aceitar proposta do fim-de-semana com alterações".

Foi Financial Times quen ergueu unha auténtica poeira mediática ao revelar a existencia dunha carta de Tsipras, enderezada á Comisión Europea, o FMI e o BCE -isto é, á troika- en que o primeiro ministro heleno mostra a súa disposición a aceitar a última oferta de Bruxelas, sempre e cando se introduzan algunhas emendas.

Á luz desta última novidade, o Eurogrupo, que tiña previsto reunirse de mañá a partir das 10.30 horas, mudou o seu encontro para esta tarde, a partir das 17.30 horas.

A chave estaría agora mais na area política que na económica

A chave estaría agora mais na area política que na económica. Isto é, a chave está en se a chanceler Merkel -Alemaña lidera as posturas máis intransixentes dentro da UE- dá marcha atrás e permite que se materialice un acordo antes do referendo convocado para o domingo 5 de xullo.

Non parece que Merkel vaia rectificar. No Bundestag, a líder da CDU afirmou por volta das 13.10: "Non imos reaxir perante as peticións de Grecia antes de realizaren o referendo. Europa é máis forte  que en 2010".

De o Eurogrupo aceitar a última oferta de Tsipras -isto é, de asumir as emendas que o primeiro ministro propón-, Atenas estaría en disposición de apoiar o SI na consulta, de acordo con fontes consultadas por Reuters.

A proposta de Tsipras sería extender o programa de asistencia financeira, unha reestruturación da débeda (que non unha quita) e un novo empréstimo para os próximos 2 anos. Ou sexa, Grecia demandaría un novo resgate, que tentaría fose máis suave do que os dous perpetrados desde 2010.

Se no Eurogrupo prevalecen as posicións máis pactistas, lideradas por Franza, detrás da cal semella que se achan os EUA, o acordo sería factíbel.

Comentarios