martes 25/01/22

Grecia e a UE negocian un pacto in extremis

Esta noite vence o prazo para Atenas reembolsar ao Fundo Monetario Internacional 1.544 millóns de euros. En principio a intención de Grecia era non pagar. Mais iso en principio. Bruxelas e Atenas cruzáronse nas últimas horas novas propostas. Alemaña mantense aparentemente inflexíbel, mais todo ten o aspecto dunha partida de póker, nen sequer é desbotábel un acordo que cancele o referendo do domingo.

Grecia UE

Horas de infarto en Bruxelas e Atenas, con propostas e contrapropostas. Aparentemente a posición máis dura da UE é a de Angela Merkel, que mantén o criterio de que nada se debe negociar con Grecia mentres non se consumar o referendo do domingo. A chanceler pensa que Tsipras ten a consulta perdida. Mais Jean Claude Juncker, o presidente da Comisión, realizou unha proposta de última hora, con aspectos que poderían ser aceitábeis para Tsipras: a redución do IVE para a hostelaría (pasaría do 23 ao 13%) e unha menor rebaixa das pensións. Aliás, Grecia podería conseguir unha certa reestruturación da débeda.

Todo é moi confuso. O Goberno de Syriza e Gregos Independentes aspira a unha prórroga do resgate (“un terceiro resgate”, na expresión de Merkel) que permitise recuperar folgos á facenda helena e estabelecer un programa factíbel de pagamento das débedas. Tsipras querería tambén un novo programa de financiamento, garantido polo Mecanismo Europeu de Estabilidade, coa pretensión, aliás, de blindalo de maneira que os recursos obtidos só se puidesen utilizar para a satisfacción do servizo da débeda.

De haber acordo, Tsipras podería desconvocar o referendo ou ben defender o voto afirmativo na consulta

Se finalmente houbese acordo -e para que houbese acordo Alemaña tería de erguer o veto a unha negociación previa ao referendo-, todo apunta a que Tsipras faría un movimento político de largo alcance. Aí abriríanse dúas opcións: ou a desconvocatoria da consulta ou a defensa do voto afirmativo.

Eurogrupo, apartir das 19 horas

En todo caso, a axenda desta tarde será frenética e ten riscada unha hora en vermello: as 19 horas. Nese momento irase reunir o Eurogrupo para avaliar a nova proposta de Tsipras. A chave está na posición alemá. Francia lidera o bloco dos Estados europeus que si están interesados nun acordo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Grecia e a UE negocian un pacto in extremis
comentarios