EUA aproveita a guerra en Ucraína para obliterar as alianzas da China no mundo

O rol chinés no conflito centra a reunión en Roma entre representantes de Washington e Beijing.
EuropaPress_2022823_handout_26_march_2019_france_paris_french_president_emmanuel_macron_2_r
photo_camera O presidente Xi Jinping participou persoalmente na cimeira China-UE que se desenvolveu en París na primavera de 2019 (Foto: Etienne Ansotte / Comisión Europea)

Representantes de Seguridade e de Asuntos Exteriores dos Gobernos de Estados Unidos e da China reuníronse onte en Roma para analizar o impacto da guerra en Ucraína sobre a seguridade en Europa e en todo o mundo. A delegación estadounidense estivo encabezada polo asesor de seguridade nacional da Casa Branca, Jake Sullivan, e a chinesa polo director da Oficina da Comisión de Asuntos Exteriores, Yang Jiechi.

O portavoz do Ministerio de Exteriores chinés, segundo recolleu a axencia de noticias Xinhua, asegurou que o encontro tiña por obxectivo "intercambiar puntos de vista" sobre as relacións entre a China e os Estados Unidos en "cuestións internacionais e rexionais de interese común". E co tema chave de "implementar o importante consenso alcanzado polos xefes de Estado chinés e estadounidense no seu cume virtual en novembro do ano pasado".

A reunión chegou horas despois de os medios estadounidenses CNN e The New York Times publicaren que Rusia solicitara á China apoio militar e asistencia económica para a invasión de Ucraína, algo que tanto Moscova como o portavoz de Exteriores chinés negaron cualificándoo de "pura desinformación".

Tamén o portavoz da embaixada chinesa en Washington, Li Pengyu, afirmou que "nunca escoitara nada diso" e que "a prioridade agora é evitar que a situación se tense ou que se saia de control... a China pide exercer a máxima moderación e previr unha crise humanitaria masiva".

EUA, pola súa parte, busca apertar a China para que se posicione ante a actual crise. A secretaria de prensa da Casa Branca, Jen Psaki, intensificou as críticas nos últimos días cara a Beijing, que publicamente utiliza un ton neutral ─na Asemblea Xeral da ONU abstívose ante a moción de condena da invasión─, mais que nos medios estatais chineses ─asegura EUA─ promove campañas de desinformación sobre o que tamén denominan "operación militar especial".

Disxuntiva chinesa

Tal e como aseguraba nun recente artigo o director do Observatorio da Política Chinesa, Xulio Ríos, Beijing encóntrase nunha posición "incómoda" ante esta guerra que está marcada pola propia dinámica que se vive na rexión do Pacífico e, especialmente, a respecto da soberanía sobre Taiwán.

A China ─explica Ríos─ comparte con Rusia o interese por afastar os Estados Unidos da súa contorna inmediata, algo que se evidenciou no cume mantido polos seus presidentes, Vladimir Putin e Xi Jinping, nos Xogos Olímpicos de Inverno. Así, preocupa a activación do QUAD (foro que reúne a Australia, os EUA, a India e o Xapón co obxectivo de frear a influencia chinesa na rexión); a creación do Aukus (a alianza militar entre os EUA, o Reino Unido e Australia, unha especie de OTAN do Pacífico); e a propia estratexia do Goberno do presidente estadounidense, Joe Biden, para o Indo-Pacífico, que inclúe a definición da China como o "principal desafío rexional", apostando polas políticas de "asedio e contención".

Porén, na derivada do seu propio conflito territorial sitúase ante unha disxuntiva. Explícao Ríos: "Mais a acción rusa, para a China, resulta moi incómoda. En primeiro lugar, Beijing proclama o respecto á soberanía e integridade territorial como alicerces básicos da súa política exterior [...] O seu temor é que un paso en falso neste terreo poida xustificar algún día que as potencias occidentais opten polo recoñecemento de Taiwán como un país soberano".

Rachar alianzas

Neste sentido, a reunión de onte busca crebar o entendemento entre Rusia e a China, que especialmente no económico ─mais tamén no militar─ medrou considerabelmente nos últimos anos. En 2021, por exemplo, o comercio entre os dous países alcanzou un novo máximo de case 134.000 millóns de euros, case 36% máis que o ano anterior. Ademais, representou ao redor de 18% do comercio total de Rusia. Non obstante, a UE é con moito o maior socio comercial de Rusia. En 2021, supuxo o dobre que o da China con Rusia.

E tamén, en caso dunha maior implicación chinesa no conflito ucraíno, Beijing arriscaríase ás sancións de Occidente, despois dos pasos dados nos últimos tempos polo Goberno chinés para cultivar e afianzar a relación coa UE. Para desagrado ─ao igual que aconteceu co acordo gasístico entre Berlín e Moscova─ de Washington.

Comentarios