EUA anuncia unha retirada da axuda militar a Ucraína

Kíiv e Moscova engrosan os seus exércitos con cidadáns nepalís.
Matthew Miller en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Matthew Miller en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O Goberno dos Estados Unidos de América recoñeceu a pasada quinta feira que o nivel de financiamento militar que proporcionará a Ucraína non será o mesmo que en anos anteriores, en referencia aos paquetes de axuda de 2022 e 2023. 

"Seguiremos apoiando Ucraína [...] o tempo que sexa necesario. Iso non significa que o apoio sexa ao mesmo nivel", declarou o portavoz do Departamento de Estado, Matthew Miller, nunha rolda de prensa na que pediu ao Congreso estadounidense que aprobe o proxecto de lei de financiamento suplementario. 

Neste senso, explicou que "segue sendo importante" que o Congreso e os aliados europeos e internacionais apoien Ucraína porque o obxectivo é que Ucraína poida "valerse por si propia" e para iso precisa "construír a súa propia base industrial militar para que poida financiar, construír e adquirir munición pola súa conta". 

Miller remarcou que "aínda non chegamos ao punto no que Ucraína poida defenderse baseándose unicamente nas súas propias forzas".

Recrutamento

O Goberno de Nepal suspendeu a emisión de permisos de traballo para Rusia e Ucraína tras constatar que decenas dos seus cidadáns foran recrutados para engrosar as filas do Exército ruso durante a guerra. 

A prohibición emitida esta quinta feira tamén se estende a Ucraína, dado que Nepal ten constancia tamén de cidadáns que combaten nas filas ucraínas aínda que non deron un número ao respecto. Porén, o Ministerio de Exteriores de Nepal cifra entre 150 e 200 os cidadáns nepalís recrutados.

A orde viu do Departamento de Emprego no Estranxeiro e permanecerá en vigor "até nova orde", segundo o comunicado recollido pola emisora pública nepalí, con vistas á prevención de "incidentes indesexados" dada a "situación actual". 

Comentarios